Ourense, Estratéxica para O Ribeiro

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O Consello Regulador e a Ruta do Viño organizaron varias actividades lúdicas en torno ao viño a prol de enriquecer a programación dos Magostos

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O C.R.D.O. Ribeiro e a súa Ruta do Viño celebraron esta mañá, con motivo das festas do magosto en Ourense, unha represetanción teatralizada do camiño do viño, na que se descubriu a viaxe que facían os arrieiros a Compostela transportando os viños do Ribeiro, contando as súas propias historias, con cura e asaltantes incluídos.

Durante a xornada, o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome indicou que “como alcalde desta cidade é unha honra que hoxe sexa o día do Ribeiro nas festas do San Martiño, unha D.O. onde algúns viñedos pertencen a Ourense, por tanto Ourense forma parte do Ribeiro. Mañá é o día do turismo do viño e a provincia de Ourense é toda unha potencia xa que conta con catro DD.OO. e iso temos que velo como unha fortaleza a explotar, feito diferencial xa que non todas as provincias contan con ese privilexio. Agardamos que estas actividades vaian a máis e que cada ano sigamos resaltando un dos nosos grandes activos, como é o viño.”

Pola súa banda, o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández sinalou que “as festas que máis identifican o territorio en Ourense son as do Magosto coincidindo ademais que mañá é o día mundial do enoturismo, non hai mellor cousa que brindar con Ribeiro. Hoxe estamos nesta Praza Maior para dinamizar o noso viño, o enoturismo como riqueza do territorio. Agradezo ao Consello Regulador e á Ruta do Viño do Ribeiro por facer posible o brinde con viño do Ribeiro no San Martiño é a vez facendo e dinamizando o noso territorio.”

Por último, o presidente dos organismos Consello Regulador e Ruta do Viño do Ribeiro, Juan Casares, pechou o acto indicando que “Ourense é un obxectivo estratéxico para ambas entidades xa que ademais de ser un mercado importante, forma parte de ambas entidades. O motivo da comparecencia de hoxe é o de celebrar o día do enoturismo, unha potencialidade máis das moitas que ofrece o mundo rural ourensán. Con esta iniciativa preséntase “o camiño do viño” para promocionar o territorio ribeirán. Quero que cando unha persoa beba un Ribeiro saiba que son só está a consumir un produto de alta calidade, senón que está a degustar séculos de historia e tradicións, o froito dunha paisaxe modelada a través dos séculos. O que acabades de ver representado é unha pasaxe que se repetiu durante séculos, o diálogo entre labregos, cregos e arrieiros descubrindo o camiño que estes últimos facían ata terras de Compostela a través dun itinerario milenario transportando viño do Ribeiro.

Ademais, de 12.00 a 14.00 horas estivo en funcionamento un túnel dos viños da Ruta do Viño do Ribeiro no Liceo de Ourense, onde todos aqueles que o desexen poderán degustar máis de 15 viños distintos.

Día Mundial do Enoturismo
O domingo 10 de novembro celébrase a 11ª edición do Día Mundial do Enoturismo, que promove a Rede Europea de Cidades do Viño (RECEVIN), nesta data os principais destinos enoturísticos elaboran un programa de actividades para a promoción da cultura do viño. Este ano a Ruta do Viño do Ribeiro e o Consello Regulador colaboran para a promoción do viño e do territorio nestes dous eventos, o Magosto e o Día Europeo do Enoturismo.