Espazo Común presenta moción en Piñor

Engadimos nota de prensa

O grupo político municipal de  Espazo Común de PIÑOR, en base ó disposto nos artigos 91.4 e 97.3 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais e demais normativa de aplicación, presenta MOCIÓN SOBRE A XESTIÓN DO VELORIO MUNICIPAL que espera sexa admitida no vindeiro pleno en base á seguinte:

AVANTAR ACTIVIDADES

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Pronto se cumprirán catro anos dende que o concello deixou de atender o velorio municipal pasando a ser xestionado polas empresas funerarias tal e como se recolle na ordenanza aprobada ó efecto e que se atopa vixente. Son estas empresas as encargadas das funcións de abrir e pechar o velorio;  da observación, mantemento e conservación deste en condicións hixiénico sanitarias adecuadas; de levar a cabo o coidado, limpeza, acondicionamento, mantemento e vixilancia das instalacións e mobiliario; de “garantir un adecuado nivel de hixiene e o cumprimento da normativa vixente en materia de seguridade e hixiene no traballo” segundo se cita textualmente na ordenanza reguladora.

Xa no seu momento votamos en contra deste cambio na prestación do servizo, defendiamos que era un servizo que funcionaba correctamente e que non era preciso mudalo. Advertimos de que se ía deteriorar o servizo: o mantemento das instalacións e da limpeza non ía ser o axeitado e ademais os usuarios ían ter que pagar máis pese a recibir un peor servizo. Tamén deixamos constancia das nosas dúbidas sobre a encaixe legal da relación xurídica entre o concello e as empresas funerarias encargadas de prestar o servizo. 

Catro anos despois seguimos sen saber cal é natureza xurídica desa relación entre o concello e as empresas que se encargan de abrir e pechar o velorio, mantelo, limpalo… mentres asistimos un continuo deterioro das instalacións e a unha falla alarmante de limpeza tanto nas salas coma nos baños, é habitual a falla de papel hixiénico, varios usuarios teñen manifestado que tiveron que levar o xabón do baño das súas casas, as arañeiras quedan dun servizo funerario para outro, por non mencionar a sucidade do chan e das paredes. A maiores da discriminación que se produce entre os usuarios ó pagaren diferentes prezos pola limpeza en función do que lles cobren as funerarias. O mesmo acontece cos horarios.

Por iso, o Grupo Municipal de Espazo Común,  preséntalle o Pleno as seguinte PROPOSTAS DE ACORDO:

  1. A modificación da ordenanza reguladora do servizo do velorio municipal de xeito que o concello recupere a prestación do servizo encargándose da apertura e peche das instalacións así coma da limpeza e mantemento e daqueloutras funcións que o concello viña desempeñando anteriormente á data de entrada en vigor da ordenanza vixente.
  • A emisión dun informe por parte da secretaría municipal que aclare a relación xurídica do Concello de Piñor coas empresas funerarias que se están encargando do velorio.

En Piñor, 23 de novembro de 2019.

Francisco José Fraga Civeira Voceiro de Espazo Común