A intención evidente do goberno é fuxir dos plenos e os poucos que hai enredalos ata o máximo que lle sexa posible nunha actitude moi pouco democrática.
Sorprende o comunicado ao respecto do Partido Popular que segue na súa dinámica de facer de muleta do goberno do Partido Socialista.
O pasado xoves 28 de novembro tivo lugar no Concello do Carballiño unha sesión plenaria que non puido rematarse ao pasar das cinco horas e, tendo aínda varios asuntos pendentes, acordouse, pasadas as 0:30 da noite, retomala en días vindeiros.
Semella que dende certos sectores e particularmente dende a pinza perfectamente engraxada que conforman no Carballiño hai xa tempo PP e PSOE hai moito interese en centrar as conclusións da sesión neste feito pero o que, sorprendentemente, se omite é que neste pleno incluianse os temas que se tiñan que ter repartido entre dous ao non celebrarse por unha decisión unilateral e interesada do goberno o ordinario de outubro.
Así, as previsibles seis horas deste pleno teríanse repartido en dúas, absolutamente normais, sesións de tres.
É palmaria e innegable a realidade de que o que se persegue é fuxir da celebración de plenos que obriguen ao grupo de goberno a dar a cara ante asuntos que preocupan á cidadanía do Carballiño e os poucos que non teñan máis remedio que acometer convertelos en despropósitos absurdos cheos de “erros” e longos de máis para provocar o desinterese de medios de comunicación e público en xeral.
A sensación é inequívoca de que hai moitas cousas que se queren ocultar e os plenos supoñen un contratempo na estratexia oscurantista e interesada que se está a instaurar no Concello. Chama tamén a atención que o suposto primeiro partido da oposición remita un comunicado pedindo unha limitación de tempo para as intervencións, que se arrogue a capacidade de decidir que temas son importantes e cales non a pesares de ser os que menos iniciativas presentan e que pretendan facer crer que por tratar temas en profundidade, “facemos o rídiculo como corporación”.
É chamativo que esquezan mencionar que o rídiculo é, sen dúbida, que o goberno tivera que retirar os dous primeiros puntos da orde do día por defectos de forma, incluindo o que o propio alcalde recoñeceu que cheiraba a pelotazo coa recalificación dunha parcela en Seoane que, días antes fóra votada favorablemente polos membros do PSOE na comisión correspondente. Rídiculo tamén resulta que cando se pretende dar por zanxada a convocatoria de prazas de policía local, a oposición desmonte en pleno unha Oferta Pública de Emprego, cando menos, de dúbidosa legalidade.
Aos membros do noso Grupo Municipal non nos importa estar cinco, seis ou dez horas nun pleno loitando polos dereitos da veciñanza. Para nós o problema é a sensación de perda de tempo que provoca que non se cumplan os acordos ou de que dos asuntos que van na orde do día sempre haxa que retirar puntos a última hora por estar mal prantexados.
Esiximos pois ao goberno e, incluso, aos seus socios populares máis seriedade na periodicidade das convocatorias e menos tics totalitarios pretendendo impoñerlle aos demáis de que poden falar e de que non.
Un pleno ao mes, o derradeiro mércores ás 19:00 horas. Eso é o acordado por todos ao comezo do mandato e, se queda un mínimo de respecto pola institución á que representamos, así debe de ser.