Pepin Prada presenta o seu libro “As comedias de Tiruleque”

En 1985 nace o grupo de teatro Tiruleque no Carballiño grazas ao pulo inicial de Eulogio Alonso Rivera. Naquela primeira etapa puxéronse en escena dúas montaxes: «O xigante egoísta» e «Os vellos non deben de namorarse». En 1986, logo da renuncia de Eulogio Alonso, asumiu a dirección do grupo Xosé Prada Martínez ( Pepín Prada ) . Dous anos despois o grupo comeza o seu camiño en solitario. Catro das pezas escritas por Xosé Prada para o grupo aparecen agora reunidas no libro «As comedias de Tiruleque», que publica a Deputación. Na presentación do volume o seu autor lembrou que o do Carballiño é «un dos grupos de teatro afeccionado máis antigos de Galicia. Naquela época, e dado que había poucas publicacións, tivemos a necesidade de escribir obras e, aínda que sexan comedias, todas elas levan algunha mensaxe agochada coa que intento que o espectador reflexione».