Vaise restaurar a Ponte da Veronza

Acordo entre Deputación de Ourense e Concello de Ribadavia para restaurar a ponte da Veronza

O goberno provincial comprométese ao financiamento da obra, cuxo orzamento total ascende a preto de 100.000 euros

AVANTAR ACTIVIDADES

A Actuación consistirá na reconstrución dos muros do estribo dereito e a restauración da plataforma desta ponte medieval

A Deputación de Ourense e o Concello de Ribadavia alcanzaron un acordo para acometer a obra de restauración da Ponte Medieval da Veronza, que sufrira graves desperfectos por causa dun temporal no mes de decembro do ano 2017, e dende aquela atópase parcialmente derruída. O orzamento da obra ascende a 99.850 €, que serán financiados pola Deputación de Ourense a través da inclusión dunha partida específica na modificación de crédito que a institución provincial levará a cabo no mes de abril.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o alcalde de Ribadavia, César Fernández, mantiveron un encontro está mañá no Pazo Provincial para falar sobre os pormenores técnicos do proxecto construtivo e a necesaria colaboración institucional da Deputación para poder levar adiante este proxecto.  Deste xeito, ámbolos dous representantes institucionais asinaron un protocolo de colaboración a través do cal a institución provincial comprométese ao financiamento desta obra de restauración da ponte, que consistirá na reconstrución dos muros do estribo dereito empregando as pezas orixinais e levarase a cabo unha restauración total da plataforma da ponte medieval. Manuel Baltar afirmou que “unha vez que o alcalde de Ribadavia nos trasladou o proxecto construtivo tivemos claro que a Deputación, na súa labor de cooperación cos concellos, tiña que contribuír de xeito firme e decidido a levar adiante esta actuación para recuperar unha ponte medieval con un importante valor cultural e simbólico”, e César Fernández sinalou que “con esta actuación estamos a dar resposta a unha demanda reiterada da sociedade de Ribadavia dende que se produciran os danos na ponte provocados por un temporal en decembro de 2017, e ademais estamos a cumprir cun compromiso adquirido coa cidadanía no programa electoral co que nos presentamos ás eleccións municipais de maio de 2019.” César Fernández quixo recoñecer e agradecer “a implicación absoluta do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen amosou a súa disposición a cooperar dende o primeiro momento co Concello de Ribadavia para levar adiante esta obra de restauración da ponte medieval da Veronza”.