Moción de Espazo Común

Manuel Vázquez Fernández, Adolfo Nogueira Campo e Érika Paz Rodríguez como concelleiros do Grupo Municipal de Espazo Común deste Concello , presentan, diante do Pleno da Corporación esta MOCIÓN PARA QUE SE INCLÚA NAS PRIORIDADES DO GOBERNO A MODERNIZACIÓN DA LIÑA FERROVIARIA OURENSE-SANTIAGO

Vense de pechar nestes días pasados un acordo a varias bandas para a investidura do presidente do goberno de Madrid de cara aos vindeiros catro anos. No marco das negociacións para chegar a este foron moitos os compromisos adquiridos e feitos públicos por uns e outros. Agardemos, polo ben da democracia, que todos se cumpran e non queden  tan só en fogos de artifício lanzados para acadar o poder. Para O Carballiño, o feito de que dos partidos que están directamente implicados neses pactos, dous formen parte da nosa corporación debería traducirse a non moito tardar en melloras sustanciais para o noso concello que, todo sea dito, son enormemente necesarias

AVANTAR ACTIVIDADES

Tódolos cidadáns deste pobo agardamos que o feito da coincidencia do partido que vai gobernar o Estado co que ostenta a alcaldía do Carballiño, sumado á presenza dunha deputada que hai pouco tempo era concelleira nesta mesma corporación, traia consigo o desatascamento de proxectos comprometidos e longamente agardados coma, por exemplo, a ampliación do túnel de Rapariz nos Catro Camiños e outros máis que hai na lista de pendentes. Nos dous últimos anos, o certo é que a concordoncia de siglas no poder non supuxo mellora algunha en ningún deles.

Non é menor tampouco a responsabilidade adquirida polo Bloque Nacionalista Galego, que queda nunha posición certamente vantaxosa para defender os intereses da nosa terra polo que a súa seriedade á hora de levar adiante as promesas feitas vai resultar fundamental para acometer a enésima tentativa de deixar de ser os pechacancelas en tódolos indicadores socioeconómicos, sobre todo no caso da provincia de Ourense.

En calquer caso, unha vez lidos os acordos asinados por estes dous partidos, a andaina non escomeza nada ben, pois detectamos unha omisión que nos deixa sorprendidos, por non dicir decepcionados. Facemos referencia ás melloras acordadas en infraestruturas. Así o apartado que versa sobre a modernización da rede ferroviaria galega, menciona expresamente as liñas A Coruña-Ferrol, A Coruña-Lugo, Vigo-fronteira portuguesa, Ourense-Lugo e Ferrol-Xixón pero ignora totalmente a liña Ourense-Santiago.

Nun contexto coma o actual no que a veciñanza desta comarca está case en pé de guerra polo maltrato que temos que aturar por parte das diferentes administracións e empresas públicas na prestación dun servizo tan básico como é o do transporte público é imprescidible que este “erro” se corrixa de xeito inmediato.

Visto todo o anteriormente comentado,

                                                              SOLICITAMOS

  1. Tomar o acordo de que a liña Ourense-Santiago ten que recibir o mesmo tratamento que as mencionadas no texto do acordo.
  2. Que se remita ao goberno central, ao PSOE e ao BNG o acordo plenario de incluir a liña Ourense-Santiago entre as prioritarias a modernizar.

Dar traslado deste acordo para que sexa refrendado polo resto de concellos desta comarca, a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia