Abandono barrio Flores

O COLECTIVO VECIÑAL O CARBALLIÑO DENUNCIA O LAMENTABLE ABANDONO QUE PADECE O BARRIO DE FLORES

Esta situación xa foi posta hai tempo en coñecemento das autoridades municipais sen que, polo de agora, existira resposta algunha.

AVANTAR ACTIVIDADES

O Barrio de Flores, lugar histórico da vila do Carballiño semella estar completamente esquecido polo Concello e leva tempo sendo vítima dun abandono que molesta considerablemente aos seus veciños.

Desde o Colectivo Veciñal O Carballiño, facémonos eco destas queixas e xa llas fíxemos chegar na persoa do noso voceiro, Gonzalo Rodríguez Conde ao propio alcalde sen que, de momento, se observara melloría algunha no tratamento que reciben as rúas deste barrio.

Hai xa 3 meses ou máis que na vía máis importante do conxunto, a Baixada a Flores, se xenerou un burato de grandes dimensións que tivo o acceso pechado por máis de mes e medio, gran parte deste tempo sen tan sequera sinalizalo. Tras numerosas protestas e denuncias, foi tapado con planchas metálicas que, se ben permiten o paso, provocan, sobre todo pola noite, un enorme problema de ruidos ao ser atravesadas polos vehículos. Os veciños dos fogares máis próximos teñen serias dificultades para durmir por causa deste feito.

Non se entende porque se tarda tanto tempo en arranxar un problema que afecta a tanta xente e ten bloqueada rúa principal de Flores, por máis explicacións que se piden, as respostas son sempre “tranquilos, eso xa vai agora”, pero nunca vai.

Esta situación ven a unirse a todas as circunstancias que padece o barrio por onde a presenza de varredores é máis ben escasa o que provoca unha imaxe de suciedade e abandono moi negativa, a pesares de atoparse xusto detrás do Concello e de ser unha zona céntrica e moi transitada.

Igual de grave é o problema do tráfico. Hai xa máis dun ano que se instalaron uns bolardos co compromiso de voltar a regular o acceso de vehículos pero descoñecemos as razóns polas que non foron postos en funcionamento en todo este tempo.

Pedimos publicamente un maior apoio do goberno carballiñés á zona histórica por execelencia da nosa vila e un mellor trato para un barrio do que sempre se fala de recuperar e de proxectos moi atractivos pero que nunca rematan de levarse a fin.