No acto, celebrado esta mañá en Boborás, Manuel Baltar participou xunto ao presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijoo; a alcaldesa do municipio, Patricia Torres; e Ángeles Chamoso, filla de Manuel Chamoso Lamas
Baltar destaca na inauguración do centro socio cultural de Boborás o exemplo de Ourensanía e compromiso coa terra de Chamoso Lamas e de Losada Diéguez
O presidente da Deputación de Ourense expresou que este centro deberá manter vivo o lume da memoria destes intelectuais, “o seu compromiso de fillos dun tempo e dunha terra e o sentimento de pertenza e leal compromiso con Galicia, nación cultural solidaria”
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou hoxe, no acto de inauguración do centro sociocultural “Manuel Chamoso Lamas” de Boborás o exemplo de Ourensanía deste intelectual e de Antón Losada Diéguez e o seu compromiso coa terra. “Este centro social e cultural de Boborás -dixo- deberá manter o lume vivo da súa memoria, o seu compromiso de fillos dun tempo e dunha terra; ou o que é o mesmo, o orgullo da ourensanía e o sentimento de pertenza e leal compromiso con este país do noroeste peninsular, con esta nación cultural solidaria e integrada cos demais pobos de España, con esta patria á que eles serviron e á que nós, xunto cos devanceiros e cos que nos sucedan, chamamos Galicia”.
Baltar lembrou que “non por casualidade” Boborás reúne a dous grandes figuras da Galicia contemporánea: Losada Diéguez e Chamoso Lamas, “dous veciños de Boborás que aportaron ideas e materializaron accións a prol dunha Galicia autoidentificada como pobo diferenciado, un territorio con historia, con lingua propia e cunha cultura que Losada e Chamoso engrandeceron co seu traballo xeneroso”.
O presidente do goberno provincial salientou que eles “compartiron a beleza desta terra, coñecérona a fondo, unha experiencia enriquecedora que lles valeu para dar unha resposta, para aportar a súa idea de Galicia”.
De Losada dixo que foi un adiantado, un precursor. “Todo o movemento cultural e político galeguista da década dos anos 20 do século pasado non tería sido como foi se non fose por el”. “E así xurdiu –expresou Baltar-, grazas ao empuxe de Losada Diéguez, a revista Nós, cuxo centenario celebraremos a longo deste ano”. Referíndose a Chamoso Lamas destacou deste historiador, arqueólogo e investigador “a súa defensa do patrimonio histórico-artístico da nosa terra”. “Sen el non habería alicerces para o estudo das catedrais de Santiago, Lugo e Ourense. Sen o seu labor e a súa loita teimuda, o fenómeno Xacobeo e a cidade de Santiago non terían acadado o esplendor actual nin serían referente europeo e universal”.
Pola súa banda, o presidente do goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou a aposta da Xunta pola rehabilitación e recuperación de edificios en desuso para seguir dotando ao rural de máis servizos e oportunidades. “Con servizos para que todos aqueles que queiran vivir nel poidan facelo; e con oportunidades para todos aqueles que queiran vivir do rural”, abundou.
Cun orzamento total de preto de medio millón de euros, Feijóo salientou que a recuperación deste edificio xa existente –as antigas vivendas dos mestres do CEIP Nosa Señora de Xuvencos- mellorará a vida social e cultural dos veciños de Boborás, ao convertelo nun espazo aberto a todos, con distintos servizos como: unha ludoteca, o programa concilia, unha aula de atención temperá, unha aula CEMIT para a modernización e inclusión tecnolóxica, biblioteca, espazo de formación, un salón de actos e unha aula de música. “Todo iso dentro dun edificio respectuoso ademais co medio ambiente”, dixo, subliñando que esta obra conta cun plan de aforro enerxético, con actuacións para fomentar a reciclaxe de residuos e con accións de sensibilización ambiental.