ESPAZO COMÚN DÚBIDA DA UTILIDADE DE QUE TRES PERSOAS VAIAN FACER TURISMO A FITUR A CONTA DAS ARCAS PÚBLICAS
Para vender a inversión de 8.000 € en aparellos de calistenia non fai falla tanto desprazado.
É de sobra coñecida a querencia do actual goberno carballiñés por feiras e festas e, por suposto, non ían deixar pasar a oportunidade de poñer as súas mellores galas e viaxar a Madrid para facerse moreas de fotos no marco da Feira de Turismo Internacional FITUR.
Se ben a presenza de representantes institucionais do Concello do Carballiño nesa cita debera ser unha boa nova, xa que se trata dun dos maiores escaparates promocionais a escala mundial para dar a coñecer a oferta turística dunha zona, neste caso concreto case que produce un certo sonroxo.
Tres persoas viaxaron ata alí gastando recursos públicos, curiosamente, as mesmas tres persoas que se desprazaron o ano pasado a Asturias, a conta do Concello, para “organizar” a posterior presentación da Festa do Pulpo. Non sabemos se son sempre tres para turnarse ao volante.
Semella de manual que cando se vai a un evento destas características, o que se quere por en valor para darlle visibilidade, debe terse moi claro. É dicir, hai que levar ideas novidosas e ter un proxecto, unha concreción de que é o que pode convencer a potenciais visitantes.
Ir a Madrid falar de termalismo, tendo que chegar a destacar a Fonte do Bañiño, que nin xiquera se pon en valor tendo un mantemento habitual para telo nunhas condicións adecuadas, explicao todo. Este pequeno manantial no lugar de Arcos é senlleiro para nós pero non parece ser un argumento convincente para que xente doutros lugares se desprace masivamente a O Carballiño.
E aí remata todo o argumentario do trío de turistas desprazados porque é moi evidente que non hai unha estratexia.
As accións concretas e tanxibles do Xeodestino ao que estamos adscritos contanse facilmente pola súa escaseza e capítulo aparte merece a Mancomunida Turística O Carballiño, Boborás, Ribadavia e Leiro, á que se fai unha aportación económica de 16.000 €.
A actuación máis relevante deste ente no Carballiño no ano 2019 foi a instalación duns aparatos de calistenia na finca das Barcias, en pleno Parque Municipal, dos cales adxuntamos imaxes.
Suposta e oficialmente, a inversión foi de 8.000 € e fíxose construindo unhas bases de formigón nun entorno no que hai un acordo unánime de non facer ningunha actuación que poida interferir co Proxecto Integral do parque que está en proceso.
Descoñecemos cantos milleiros de turistas poden atraer estes aparellos pero si temos a certeza de que se O Carballiño quere presumir de vila turística máis alá da estacionalidade ou da semana da Festa do Pulpo tem que trazar un plan de futuro ambicioso e orixinal, que vaia máis alá de charangas, cantos de taberna, rutas de tapas e calistenia.
Non podemos seguir a vivir da improvisación e o discurso simplón.