Moción de Espazo Común

                 Manuel Vázquez Fernández, Adolfo Nogueira Campo e Érika Paz Rodríguez como concelleiros do Grupo Municipal de Espazo Común deste Concello e en base ao disposto nos artigos 91.4 e 97.3 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das entidades locais e demais normativa que poida resultar de aplicación, presenta, diante do Pleno da Corporación esta MOCIÓN PARA QUE SE REALICE UNHA AUDITORÍA DA SEGURIDADE NO PARQUE INFANTIL DA ALAMEDA en base á seguinte

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Foron moitos os meses que a cidadanía do Carballiño tivo que agardar para ver finalizada a obra dunha infraestrutura esencial no día a día de moitas familias como é a do Parque Infantil da Alameda.

AVANTAR ACTIVIDADES

Atrás queda o despropósito do incomprensible e nunca explicado con veracidade tempo de atraso na súa execución; as promesas incumpridas por parte do goberno en canto a prazos e a máis que dúbidosa inversión de 170.000 € en dito proxecto.

Atrás quedan tamén a chapuza das pirámides e o verán perdido por usuarios e comerciantes que sufriron as consecuencias do oportunismo electoralista do partido no poder.

Dende a súa inauguración e a pesares dos rigores climatolóxicos do inverno galego, podemos comprobar que practicamente sempre hai nenos e nenas xogando nesta área de lecer, case a única destas características no centro da vila e, polo tanto, un dos poucos recursos dispoñibles para o esparcemento dos máis cativos.

Esto dá conta, aínda máis, da relevancia da Alameda e ao mesmo tempo tamén trouxo consigo as primeiras queixas por deficiencias estruturais e perigos diversos que, se ben poden ser comprensibles xusto despois dunha obra deste tipo, non se entende que, a pesares dos avisos, irrresponsablemente o Concello do Carballiño faga ouvidos xordos ante as queixas máis que habituais recibidas por tódalas canles.

Dende o noso Grupo Municipal coidamos que sería fundamental revisar concienzudamente todas estas problemáticas antes de que chegue o bo tempo e a masificación dos columpios leve a un previsible incremento dos incidentes e obrigue a ter que tomar medidas cando sexa moito máis complexo ou incluso a ter que privar, de novo por outra pésima decisión política, do seu disfrute á veciñanza.

Visto todo o anteriormente comentado,

                                                              SOLICITAMOS

  1. Que se realice por parte do Concello do Carballiño unha auditoría de seguridade no Parque Infantil da Alameda.
  2. Que en función dos resultados desta se fagan, con urxencia, as melloras necesarias para garantir un parque seguro para tódalas moitas familias que fan uso do mesmo.