Os Quinquilláns traen este venres “Espantallo amigo”

OS QUINQUILLÁNS TRAEN ESTE VENRES “ESPANTALLO AMIGO” AOS ESCOLARES DE 3º E 4º DE PRIMARIA DOS TRES COLEXIOS DA VILA, DENTRO DAS ACTIVIDADES PROMOVIDAS POLO SERVIZO DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA POLO DÍA DA PAZ, DA ILUSTRACIÓN E DE ANIMACIÓN Á LECTURA EN LINGUA GALEGA

TAMÉN ASISTIRÁN OS MEMBROS DE ASPADISI COMO CONVIDADOS

AVANTAR ACTIVIDADES

A representación sobre o texto de Xosé Neira Vilas  e ilustrado por Xaquín Marín, terá lugar o 31 de xaneiro, ás 11.00 horas no Auditorio Manuel María do Carballiño, dentro das actividades para conmemorar o Día da Paz, o Día da Ilustración e promover a lectura en lingua galega.

Dende o Servizo de Normalización Lingüística do Carballiño convidouse a asistir ao alumnado de terceiro  e cuarto de educación primaria dos centros educativos da vila. Previamente á representación, repartíronse 240 exemplares da obra entre o alumnado que asistirá para que, guiados polos/as titores/as, traballaran distintos aspectos  que se reflicten na obra (resolución de conflitos de xeito pacífico, respecto polos seres da natureza, solidariedade, respecto aos maiores, reivindicación do mundo rural…).

Así mesmo, tamén se convidou a asistir aos membros do colectivo Aspadisi.

O espantallo que o tío Ramón coloca na figueira non só logra salvar toda a froita, tamén fai medrar en tódolos habitantes da horta a necesidade de coidar uns dos outros. Unha vez que conseguiu isto, o espantallo aproveita un refacho de vento para ver o mundo; na súa viaxe descobre a un neno e a unha nena moi pobres e, nun acto de xenerosidade decide deixar de existir para que os nenos teñan roupa (a súa roupa), comida (a froita pola que estaba feito) e leña para pasar o inverno (os paus que formaban os seus brazos e as súas pernas) 

Este espantallo amigo non é un “espantallo amigo” sen máis. Os Quinquilláns ofrécennos unha montaxe teatral que supón un diálogo entre o teatro e a literatura, entre a narración e a representación. Un xeito distinto de ver o teatro e unha maneira distinta de ler un libro. Unha obra para aprender pero tamén para pensar.