Espazo Común de Piñor valora as obras de acceso ó velorio

O grupo político municipal de  Espazo Común de PIÑOR, en base ó disposto nos artigos 91.4 e 97.3 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais e demais normativa de aplicación, presenta MOCIÓN SOBRE AS OBRAS PARA  A MELLORA DE ACCESO Ó VELORIO MUNICIPAL que espera sexa admitida no vindeiro pleno en base á seguinte:

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

AVANTAR ACTIVIDADES

O 19 de xullo de 2019 foi asinada polo alcalde a resolución pola que se adxudica definitivamente o contrato de obras de mellora de acceso ó velorio. Na adxudicación constan entre outros datos o prezo do contrato así coma as melloras de obra. Segundo consta nesa resolución obra, subvencionada pola Deputación Provincial de Ourense, contaba cun orzamento total de 77.915,00€ (64.392,56€ de execución material e 13.522,44€ de IVE) e foi adxudicada por 60.259,21€ dos cales corresponden ó IVE 10.458,21€.

O 31 de xullo de 2019 o alcalde, o director de obra, nomeado polo alcalde, e o adxudicatario asinaron a acta de comprobación do replanteo na que xunto coa declaración da viabilidade da obra se determina a data de remate da mesma para o 30 de agosto de 2019.

A finais  de agosto de 2019  (non atopamos a data de rexistro) a empresa adxudicataria, que entre as melloras da licitación ofertara un prazo de redución da execución dun mes con respecto ó prazo establecido nos pregos, solicita unha ampliación dun mes no prazo de execución séndolle concedida ata o 30 de setembro de 2019 sen que se fixe penalidade algunha para o contratista porque segundo o informe do director da obra “as circunstancias que a motivan son alleas á súa vontade”. Esa deficiente motivación, como pouco, obsérvase tamén no informes de valoración das baixas anormais, así coma discrepancias en varias datas.

O 30 de setembro de 2019  asínase  polo alcalde, o director de obra e o contratista a certificación nº1-final na que consta as mesmas cantidades ca na adxudicación. O director da obra certifica que “ en ningún caso existen novas unidades de obra, variando unicamente as medicións de ditas unidades”  Da mesma data é o informe de reparo nº2019-0005 de intervención no que reflicten varias irregularidades: variacións nas cantidades de obra, ausencia no expediente de documentación algunha que avale a realización da mellora ofertada, o incumprimento mellora  no prazo execución da obra e sobre todo a observación de que “non consta a acta de recepción e a interventora non asistiu á recepción material”: Como conclusión acaba formulando un informe suspensivo de reparo , “por omisión no expediente de trámites esenciais e falla de comprobación material da obra”.

Nesa mesma data, o 30 de setembro de 2019, asínase a resolución da alcaldía aprobando a certificación da obra, recoñecendo a obriga derivada do gasto e levantando o reparo suspensivo de intervención “ó quedar acreditado debidamente as efectivas prestacións realizadas”.

Ademais das irregularidades recollidas no informe de intervención o muro executado (achéganse fotografías) non se corresponde coa descrición do proxecto nin coa certificación; o que debería ser un “muro de mampostería  ordinaria a unha cara vista , fabricada con mampostos irregulares en basto, de pedra granítica coas súas caras sen labrar colocado en seco”, resultou ser un encofrado de formigón cunhas pedras espetadas polo lado do camiño e pola parte superior. En resumo, certificouse  a execución dunha obra e recoñeceuse unha obriga que non concorda nin co proxectado nin co realmente executado.

Por iso, o Grupo Municipal de Espazo Común,  preséntalle o Pleno as seguinte PROPOSTAS DE ACORDO:

  1. A emisión de informes técnicos por parte da arquitecta municipal e dun técnico de obras públicas, imparcial, independente elixido polo pleno a través dun sorteo. En ditos informe técnicos recollerase a peritaxe e  fiscalización pormenorizada da obra executada e as discrepancias existentes con respecto ó proxecto e á certificación.
  • A emisión de informes por parte da secretaría e da  intervención municipais que aclaren os aspectos legais derivados das irregularidades e incumprimentos contractuais indicados.