Adeus viñas, adeus socalcos, adeus aldeas cheas de vida!

Vendima Ribeiro, para o tostado, nas viñas do Toñito O Toñito (Antonio Míguez Amil) na súa viña con Vieite ó fondo
II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Antonio Míguez Amil

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Técnico Responsable da Oficina de Turismo de Ribadavia

Director de Actividades de Ocio e Tempo Libre

International Higher Certificate in Wines and Spirits. WSET-London

Viño Ribeiro

Artigo : Adeus viñas, adeus socalcos, adeus aldeas cheas de vida!

Na comarca do Ribeiro lévase producindo viño dende hai máis de 1.000 anos, de certo  é a zona vitivinícola máis representativa de Galicia, e ainda que hoxe soan máis outros viños ou lugares, históricamente o segundo nome máis vencellado a Galicia despois xa de Santiago era o do Ribeiro. Isto é un dato incontestabel, e responde a varios factores físicos que determinaron a vocación deste territorio para a agricultura dende a época dos castros.  Digamos que o Ribeiro posue o trinomio perfecto para calquera zona que queira producir viño de calidade: clima, altitude e latitude. Porén o Ribeiro ainda hoxe co cambio climático segue a gozar comparativamente das mellores condicións na vella Europa para producir viños de gran calidade, unha miragre de territorio onde se conserva o maior patrimonio de castes da Gallaecia.

Que acontece? Pois que o Ribeiro perde viñas e como consecuencia merma a capacidade produtiva, e iso supón perda de mercados e ficar fora de xogo nos ámbitos político i económico do país. Amáis a pesares de que produce algúns dos mellores viño do mundo, non deixa de ser curioso como en moitos lugares ainda se pensa nel coma un viño económico e de calidade discutíbel, fama que se lle criou en pouco tempo e sobre todo na segunda metade do século XX, por mor de moitos factores socio económicos e políticos.

Si no 1960 había 10.000 ha de viñedo, no ano 2020 non chega ni ás 2.000 ha

Si no ano 1960 producíanse máis de 40 millóns de litros de viño, no ano 2018 non chegou nin aos 10 millóns de litros.

Di o historiador de Amoeiro, Raul Soutelo, – “Organización y movilización campesina en la vitivinicultura gallega: el Ribeiro ourensano, 1880-1936” – que no ano 1920 vivian directamente do viño máis de 30.000 familias no Ribeiro. Cen anos despois atopámonos cunha triste realidade, non hai máis de 2.500 viticultores dos que nin sequera o 10% vive directamente do viño.

Abandonado  gran parte do viñedo tradicional, oculto polo mato, hoxe a industria do viño bota a ollada aos montes comunais, aos lugares afastados da zona histórica de producción, amáis  estorban certos colleiteiros que fan pouca cantidade de viño de gran calidade, que recuperan as castes esquecidas do país; dín os que gobernan que o futuro e ter viñas moi grandes, con moitas hectáreas e mecanizadas, que o Ribeiro é unha desgraza porque está todo en socalcos i son moitas pequenas viñas (o mesmo que na Borgoña ou Alsacia). Non interesa recuperar o territorio, nin os socalcos, nin o patrimonio, iso no é rendabel, pois a gran industria vai cara unha economía de escala baseada nos custes de producción, nun sistema de agricultura extensiva, mecanizado e de calidade estandarizada, que unha vez instalada non require case de seres humanos, nin de familias que vivan do viño.

Poida que ese sexa o motivo polo que hai tanta xente que non vé futuro nas viñas, cómpren cartos, tempo e vocación para facer un proxecto vitícola mesmo a pequena escala. Non somos Francia, nin Cataluña, nin tan sequera Portugal, ali os socalcos e os viños de pequenas produccións teñen un sitio preferente, porque son moitas pequenas familias que viven do viño, iso aquí semella ser un estorbo ao progreso. Contra todo isto xurde no Ribeiro un movemento de pequenos colleiteiros que traballan en ecolóxico, recuperan castes e socalcos, e venden os seus viños con alto valor engadido en Xapón, Denamarca ou Alemania.