Cristina Novoa Presas
Maestra Graduada, especialista Inglés. Escritora de cuentos infantiles bilingües. Metodología innovadora idiomas: LAL Learning Alive Language (PREMIO Nacional Atresmedia). Metodología Aprendizaje-servicio (Finalista Castilla y León). Finalista Mejor Docente España Educa Abanca 2020.
Actualmente esta en Finlandia nun proxecto europeo
Artigo : Os nosos estudantes aproban ou aprenden
É moi común escoitar a mozos de secundaria e bacharelato que falen dos seus estudos de forma despectiva ou con desdén. Normalizamos que só vaian contentos a clase por estar cos amigos e compañeiros, non por sentirse motivados cara á aprendizaxe. Damos por feito que os adolescentes teñen que queixarse da súa instrución e dos seus profesores. A diferenza xeracional fainos dar por sentado cousas e actitudes que non o son, se cadra deberiamos dar importancia a esas queixas e escoitar que está a suceder nas aulas para que a gran maioría dos nosos mozos se lamenten. Deberiamos facer un informe Pisa, pero de boca dos nosos estudantes. Eles son, non só unha parte importante do sistema educativo, senón a parte clave. Son o noso futuro, os nosos médicos, enxeñeiros, coidadores e repoñedores no súper. Alguén fixo algunha vez un estudo do que pensan, sobre que lles gustaría mellorar no seu sistema educativo?
Ao longo da miña vida, escoitei primeiro aos meus avós dicir: “É que a mocidade de agora non sabe nada…!”. Logo empezárono a dicir os meus pais e agora xa o din os meus amigos… Trátase entón, de que cada nova xeración é peor que a anterior ou é que nos facemos maiores? Négome a pensar que os médicos de agora sexan peores que os da xeración do meu avó e que os do futuro serán un desastre absoluto… pero, se así fose… é culpa deles? Eu creo que NON, creo que nunca entoamos o mea culpa, e que se realmente algo estamos a facer mal con estas xeracións a culpa é só nosa: pais, docentes, sistema. Recapacitemos e escoitemos máis.
A pesar de existir estudos de pedagogos con metodoloxías innovadoras e neurólogos de renome desde antes do S. XV, no noso sistema educativo seguimos ensinando e aprendendo como ao principio dos tempos. Seguimos baseando a aprendizaxe na memorización de contidos. Por tanto, seguimos crendo que o alumno que máis capacidade memorística teña é o que triunfará nos estudos, pola contra, o resto de alumnos con habilidades noutras áreas fracasará estrepitosamente porque as súas notas non lle deixarán chegar ata onde el e as súas habilidades innatas e cognitivas, deberían levalo. Non é así na vida real, posto que un expediente de sobresaliente, nada ten que ver co éxito profesional e o alumno con baixos resultados poderá ser moi exitoso pois a vida é moito máis que saber de memoria a Revolución Francesa con día, mes e ano. Non é que non haxa que estudar e memorizar, a clave está en atopar o equilibrio,
Realmente un exame mide a cantidade de contido que aprendeu o alumno? Cantos máis suspensos hai, mellor nivel existe nesa materia? E, sobre todo, Foi preparado o docente para ensinar as estratexias para que os alumnos aprendan? Coñece como aprenden os alumnos, o funcionamento do cerebro en contacto coa materia exposta? Coñece o profesor as etapas psicoevolutivas dos alumnos ao preparar as súas clases e como debe interactuar con eles? Foi crítico co libro que se lles pide aos alumnos, son os contidos adecuados para ese grupo de alumnos?
Apréndese con máis facilidade aquilo que nos interesa, que nos motiva, que nos emociona. Apréndese tamén con máis facilidade cuantos máis órganos dos sentidos utilicemos. Cando a aprendizaxe implica movemento. Cando somos protagonistas da nosa aprendizaxe. Cantas veces escoitamos iso de: “Eu nunca saquei mellores notas que na carreira, que estudaba o que me gustaba”. Ou un pai que di: “Se o que lle interesa apréndeo enseguida, pero no colexio é un vago…”.
Se o que se estuda é sen sentido, fóra de contexto, coa única finalidade de aprobar, non o interiorizará e polo tanto non o pasará á memoria a longo prazo que é a importante na aprendizaxe.
“Desde a perspectiva neurobiológica, o noso sistema educativo, baseado en “intoxicar” de información durante horas sen reflexionar sobre ela, é garantía biolóxica de fracaso” ( Dierssen 2018:16). O cerebro acaba esquecendo o que non utiliza, e este, é un feito que se esquece na docencia moi a miúdo. Entón, os nosos alumnos aprenden ou aproban?