A conselleira de Política Social,Fabiola García, acompañada da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz e o Alcalde de Cenlle Gabriel Alén visitan a casa do maior e a casa niño do municipio.
Mañá comeza o prazo para solicitar unhas axudas nas que o Goberno galego investirá 1,3 millóns de euros
O obxectivo é rematar a lexislatura con 60 destes pequenos centros gratuítos en funcionamento
Poderán acceder a esta iniciativa tanto os concellos de menos de 5.000 habitantes como todos os que non teñan un centro de día
A partir desta convocatoria poderán acceder a estas casas tamén os maiores con autonomía, non só as persoas cunha valoración de dependencia
Financiaráselles ás promotoras das casas do maior para que poidan traer e levar ás súas casas ás persoas usuarias
A conselleira de Política Social, Fabiola García, informou de que mañá abre o prazo para solicitar as axudas para a posta en marcha de 33 novas casas do maior, co fin de rematar a lexislatura con 60 destes pequenos centros de atención diúrna 100% gratuíta ás persoas maiores en funcionamento. Co gallo da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (DOG), hoxe a conselleira visitou dúas casas do maior: a de Cenlle, en compañía da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, e a de Punxín.
Esta nova convocatoria de axudas, que suma un montante global de 1,3 millóns de euros, inclúe tres novidades importantes. En primeiro lugar, nesta nova orde de achegas flexibilízanse os requisitos para poder acceder a esta axuda: poderán contar cunha casa do maior financiada integramente polo Goberno galego todos aqueles concellos que non conten cun centro de día, non só aqueles de menos de 5.000 habitantes, aínda que seguirán primando as localidades pequenas.
Así mesmo, amplíase o perfil das persoas usuarias: xa non será necesario contar cunha valoración de dependencia, senón que poderán asistir a estas casas persoas maiores que sexan autónomas. En terceiro lugar, a Xunta de Galicia financiará ás promotoras das casas do maior para que trasladen ás persoas maiores usuarias desde os seus domicilios, ida e volta.
Atención personalizada, gratuíta e nun horario flexible
As casas do maior seguen a filosofía doutro servizo pioneiro na nosa comunidade: as casas niño. Así, estes pequenos centros de día funcionan durante un máximo de oito horas diarias de luns a venres, e con flexibilidade horaria para adaptarse mellor as necesidades das persoas usuarias. Cada unha destas casas ofrece atención a un máximo de cinco maiores, sen custe algún para eles e con todas as garantías de seguridade e calidade, posto que ao fronte delas están persoas con formación ou experiencia profesional específica. O Goberno galego non só asume a axuda económica para a persoa responsable da casa do maior, senón que tamén financia a adaptación do inmoble.
Aproveitando a visita a Cenlle, Fabiola García coñeceu tamén a casa niño deste concello, onde se atende e se coida a cinco nenas e nenos de ata tres anos de xeito igualmente gratuíto, pois a Xunta de Galicia asume o custe total do servizo.