Espazo Común pedirá un informe sobre o concelleiro Diego Fernández

ESPAZO COMÚN PEDIRÁ UN INFORME SOBRE A LEGALIDADE DE QUE O VOCEIRO DO GOBERNO, DIEGO FERNÁNDEZ, COBRE Á VEZ DE CONCELLO E DEPUTACIÓN

NOTA DE ESPAZO COMÚN

Percibe 41.000 € anuais como deputado do PSOE no organismo provincial con adicación absoluta e, aínda así, cobra por asistencia a plenos e comisións no Concello.

AVANTAR ACTIVIDADES

O alcalde do Carballiño, señor Fumega, semella firmemente decidido a manter a súa aposta para que o actual goberno sexa o que máis caro lle saia, con moita diferencia, en toda a historia á veciñanza deste concello.

Aínda está nas rúas a polémica suscitada cando ao inicio do mandato, o rexedor, tomou a sorprendente decisión de poñerlle soldo a catro concelleiros, situación inédita ata ese momento e que elevará o gasto en cargos políticos ata preto dos 500.000 € no período destes catro anos.

E isto, tendo en conta que a última hora, retiraba a proposta incluída na documentación inicial, de que tamén percibira un soldo o voceiro do goberno e concelleiro de Cultura, Diego Fernández, xa que éste foi “agraciado” cun dos tres xenerosos soldos que paga a Deputación de Ourense a deputados do Grupo Socialista por unha adicación exclusiva.

O fillo do actual director provincial do INEM e exalcalde de Maside, percibe, segundo datos oficiais facilitados polo propio ente provincial, 41.000 € ao ano, na teoría nun réxime de exclusividade que, segundo o noso criterio, e tendo en conta o artigo 75 da Lei de Bases de Réxime Local, imposibilita a opción de cobrar doutras administracións a un tempo.

Pois a nosa sorpresa e estupor son maiúsculos cando detectamos que Fernández, sen pudor algún, semella que non considera suficientes estes ingresos, dados os seus grandes méritos políticos, xa que tamén está a cobrar por asistencia a plenos e comisións do Concello do Carballiño.

Como dicimos, esta situación de saqueo sen miramentos de tódalas arcas públicas, prodúcenos cando menos, dúbidas legais, que tentaremos sexan clarificadas coa solicitude de sendos informes aos servizos xurídicos de Deputación e Concello.

Do que non temos ningunha dúbida é da inmoralidade de pretender e, de momento, conseguir, cobrar ata por aplaudir, priorizando sen miramentos o interese particular moi por riba de calquer outro.