Xornadas en Arnoia

Os directores xerais da Agader e da Agacal participaron esta mañá no concello ourensán da Arnoia nunha xornada organizada polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro

Manuel Rodríguez puxo en valor a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, que conta cun orzamento de case 750.000 euros

AVANTAR ACTIVIDADES

Os directores xerais da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois, e da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, participaron hoxe nunha xornada de presentación do diagnóstico socioeconómico e estratéxico organizada polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro.

Alí, Pérez Dubois destacou a importancia de mobilizar e recuperar terras agrarias para poder ampliar a base territorial das explotacións vitivinícolas, co fin de minimizar custos e elevar a produción. Neste senso, puxo en valor a futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia, que facilitará máis base territorial a aquelas explotacións que a precisen, ao tempo que se procurará previr os incendios e traballar pola recuperación demográfica e pola mellora da calidade de vida no rural. Por iso, ademais dos mecanismos voluntarios de mobilización de terras, a nova norma contemplará beneficios fiscais e outras medidas de fomento de proxectos de recuperación.

Pola súa parte, Manuel Rodríguez destacou o peso dos produtos agroalimentarios da nosa comunidade e puxo en valor os selos de calidade vitícola existentes. Neste senso, sinalou que entre as cinco denominacións de orixe (Rías Baixas, Ribeiro, Monterrei, Valdeorras e Ribeira Sacra) e as catro indicacións xeográficas protexidas (Ribeiras do Morrazo, Barbanza e Iria, Betanzos e Val do Miño-Ourense) falamos en Galicia de máis de 13.000 viticultores, máis de 460 adegas, arredor de 9.000 hectáreas de superficie cultivada e por riba dos 60 millóns de quilos de uva anuais producidos.

Estratexia do sector vinícola

Nesta liña, o director da Agacal sinalou que, co obxectivo de darlle pulo a un sector fundamental para a cohesión do medio rural galego como é o do viño, a Xunta está a traballar na Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia.

Esta estratexia, desenvolvida mediante a cooperación entre as consellerías de Economía, Emprego e Industria; de Cultura e Turismo e do Medio Rural, xunto coa Fundación Juana de Vega, permitirá, segundo indicou Manuel Rodríguez, que sexa o propio sector o que decida o seu futuro. A iniciativa mobilizará un total de 748.000 euros a prol do sector vitivinícola galego e dos territorios dos nove selos de calidade do viño.

Así, a finalidade desta estratexia é lograr un desenvolvemento territorial integrado, coordinado e consensuado que conte coa participación de todos os axentes clave do territorio. Ao tempo, a estratexia persegue mellorar o posicionamento dos viños galegos no seu conxunto, reforzar a súa imaxe de marca e identidade vinculada aos diversos territorios nos que se producen e mellorar a eficacia da promoción e comercialización en conxunto de produtos turísticos vinculados ao sector vitivinícola. En relación con estes últimos, trátase sobre todo de desenvolver produtos turísticos dirixidos a segmentos xeradores de valor engadido nos espazos rurais, que á súa vez redunde nun fortalecemento das economías locais.