Castro de San Cibrán de Lás

O castro de San Cibrao de Las, tamén coñecido como A Ciudá, Lambrica, Lansbrica ou Lanobrica, é un dos castros galaicos en proceso de escavación de maior tamaño entre os localizados no territorio da actual Galicia, e un dos catro piares da Rede Galega do Patrimonio Arqueolóxico. Do resultado dos estudos arqueolóxicos pódese definir un período de ocupación continuada desde o século II a.C. ata o século II d.C., e con posibles ocupacións esporádicas máis tardías.

A Cidade é o nome tradicional entre as xentes dos arredores. Os nomes de Lambrica, Lanobriga e Lansbrica proceden de diversas lecturas que foron feitas sobre unha ara romana dedicada ao deus galaico Bandua, existente nunha casa particular na veciña parroquia de Eiras.

AVANTAR ACTIVIDADES

Polo seu tamaño pode ser comparado co de Santa Trega e coas citanias do norte de Portugal, poboamentos galaicos ou galaico-romanos da cultura castrexa que se caracterizan polo seu avanzado estado de romanización e as súas grandes dimensións. Entre os expoñentes máis significativos pódense citar a citania de Briteiros, o castro de Mozinho e o de Sanfíns.

Situado no tramo medio do río Miño, dista 18 quilómetros da cidade de Ourense. Ocupa terreos pertencentes aos concellos de Punxín e de San Amaro, nas parroquias de San Xoán de Ourantes e San Cibrao de Las respectivamente, no extremo das chairas de Las e Eiras.

Emprázase sobre unha pequena elevación, a 473 metros sobre o nivel do mar, a carón do dominante Monte de San Trocado, de 550 metros de altitude, no que tamén se atoparon restos dun castro dun período inicial da cultura castrexa. O San Trocado impide o contacto visual directo do río Miño desde o castro. Este contacto visual si que o mantén cos castros de Santa Águeda, Trelle ou Coto do Castro (no Chan da Ferradura). O castro localízase nun punto de difícil defensa, nun pequeno outeiro con pronunciadas pendentes polo leste, algo menos polo norte e suaves polo oeste e o sur.

Máis información en :

clic na imaxe

VIDEO: