O Consello Regulador informa aos seus viticultores sobre axudas por danos do xabaríl

O presidente do Consello Regulador, Juan Casares, transmitíralle hai meses á Directora xeral de Patrimonio Natural, Belén Docampo, a súa preocupación polos danos do xabaríl no Ribeiro.

Esta mañá o Edificio da Fundación Comarcal en Ribadavia acolleu unha charla técnica informativa sobre as axudas que a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda achega este ano para previr e paliar os danos provocados nos cultivos polo xabaril. As ditas ordes foron publicadas no DOG do pasado 7 de febreiro.

AVANTAR ACTIVIDADES

A charla foi desenvolvida por catro técnicos da Xefatura territorial de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en Ourense, dirixidos polo xefe de servizo de Patrimonio Natural, Juan José Gómez.

Segundo os técnicos, a orde comprende as indemnizacións para os danos producidos polo xabaril que se comuniquen dende o 11 de outubro de 2019 ata o 10 de outubro de 2020. O prazo de presentación da solicitude de axuda será dun mes contado dende o día seguinte ao da comunicación do dano ao teléfono 012.

O procedemento de actuación establece como requisito imprescindible que se teña previamente comunicado o dano mediante chamada ao teléfono 012 no prazo máximo das 72 horas seguintes á produción dos danos en cultivos agrícolas. Serán as persoas físicas ou xurídicas, os titulares de explotacións agrarias e os de autoconsumo quen deberán poñelo en coñecemento da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda telefonicamente e se lles facilitará unha clave que servirá para acreditar a chamada e identificar o expediente. O horario hábil de atención telefónica é dende as 8.00 ata as 20 horas de luns a venres, e dende as 8.00 ata as 17.30 os sábados.

Os danos que este animal está a provocar nos viñedos do territorio demarcado da Denominación de Orixe Ribeiro aumentan todos os anos chegando a se converter nunha nova preocupación para os viticultores. Segundo o presidente do CRDO Ribeiro, Juan Casares, “O pasado 19 de novembro transmitinlle persoalmente á Directora xeral de Patrimonio Natural, Belén Docampo Piñeiro, a miña preocupación polos estragos que este animal está a provocar nos viñedos do territorio do Ribeiro e pedinlle un aumento das partidas orzamentarias así como unha especial sensibilidade co noso territorio.”