Ribeiro en Común esixe que o Concello mellore a iluminación, limpeza e coidado do entorno das Estacións

Son competencias do Concello totalmente descoidadas, a pesar das reclamacións veciñais: ausencia de iluminación, de limpeza e coidado do entorno das Estacións, con fochancas, mobiliario oxidado, pintadas vandálicas e unha sensación absoluta de abandono.

A situación é de escuridade total na rúa da Estación de tren, e de descoido e abandono en ambas estacións. Situación que leva tempo ocasionando queixas veciñais e dos grupos, sen que o goberno municipal nada faga.

AVANTAR ACTIVIDADES

Escuridade total na rúa pública que une a Estación de tren coa vila de Ribadavia, estado de descoido total no entorno das estacións de bus e tren. Mobiliario oxidado e abandonado, pintadas vandálicas, maleza e vexetación descoidada, beirarrúas rotas ou inexistentes, e o vial da zona das Estacións e de San Francisco cheo de fochancas e brechas no pavimento.

Esta situación é a orixe das queixas veciñais e de Ribeiro en Común, que levamos tempo reclamando melloras nesta zona de Ribadavia tan descoidada e abandonada polo Concello.

Cando unha persoa chega a Ribadavia, sexa veciña ou visitante, atopase unha moi mala sensación do que é o noso municipio. Abandono e deixadez das nosas infraestruturas. Pero o grave acontece cando esa persoa chega a Ribadavia en horario nocturno, o que na época de inverno é practicamente toda a tarde, a sensación agravase e mesmo moitas persoas teñen manifestado a sensación de inseguridade coa total falta de iluminación na rúa da Estación de tren.

Así, as inmediacións destas Estacións e as súas rúas, farolas, a limpeza e conservación atópanse tamén en mal estado. Debe ser mellorada, e a iniciativa debe partir do Concello pois é unha das principais imaxes de Ribadavia. O Camiño á estación de tren é de total penumbra, sen apenas farolas e iluminación. Do outro lado, continúa a usarse ilegalmente por parte do Concello como punto de deposito de residuos. O anuncio de ADIF de que van reabrir a estación non será suficiente se o que nos atopamos no entorno e nas rúas públicas é o total abandono.

A situación do entorno da Estación de Bus non é mellor, pintadas vandálicas, fochancas, escaleiras esvaradizas e oxidadas. O servizo de información debera ser máis claro, o seu funcionamento debera ser máis exhaustivo, tal e como xa temos reclamado.

O Concello de Ribadavia debe tomar a iniciativa nestas melloras que son da súa competencia, e que ademais non precisan de grandes investimentos. A situación actual desta zona só llo podemos achacar á despreocupación dos gobernantes, ao seu desprezo e ouvidos xordos polas reclamacións veciñais. No lugar de ter interese pola xestión e preocupación por mellorar Ribadavia semella que só se moven por facer fotos e notas publicitarias baleiras de contido.