Terceira edición do Día de Rosalía de Castro no Centro Galego de Valencia
O Centro Galego de Valencia informa de que desde 2018, levan celebrando anualmente no mes de febreiro o Día de Rosalía de Castro, coincidindo co aniversario do nacemento da nosa escritora galaica máis universal. O acto terá lugar o venres 28 de febreiro ás 18:30 h na aula Magna do Centro Cultural A Nau da Universitat de València.
Con esta nova conmemoración de tan sinalada efeméride, o Centro Galego de Valencia pretende consolidar o dobre obxectivo que se marcou en 2018: por unha banda, homenaxear á insigne Rosalía, figura senlleira das letras galegas, e, por outro, institucionalizar este evento con carácter anual para, nunha clara chiscadela ao feminismo reivindicar, a través de cada unha das súas sucesivas edicións, non só a figura rosaliana, senón tamén a doutras galegas ilustres que, ao longo da historia, xogaron un importante papel no campo das ciencias, das artes, das letras, do pensamento ou das nosas tradicións.
Este ano, pretendemos descubrirlle ao público o personaxe histórico de María Soliña para, a partir da súa vida e da súa acusación de bruxa por parte da Inquisición, penetrarnos no mito e remontarnos á figura tradicional da meiga, paradigma, sen ningunha dúbida, da Galicia máxica e lendaria inmortalizada por autores como Ramón María del Valle-Inclán, Camilo José Cela ou a propia Rosalía de Castro. É por iso que a presente edición do Día de Rosalía titulámola María Soliña, muller e mito. A meiga na tradición galega oral e escrita. Esta homenaxe pretende ser un preámbulo á celebración do Día da Muller, o 8 de Marzo.
Programa completo do evento, que constará das seguintes partes:
Inauguración e discursos institucionais
Intervención do grupo de gaitas do Centro Galego de Valencia
Charla dramatizada sobre María Soliña
Recital musical a cargo de Lucía Pérez (cantante galega e representante de España en Eurovisión 2011)
Viño de honra amenizado polo grupo de gaitas do Centro Galego de Valencia.