Castrelo Carballeda e Ribadavia solicitan un OBRADOIRO DE EMPREGO

O CONCELLO DE RIBADAVIA SOLICITA UN OBRADOIRO DE EMPREGO CONXUNTAMENTE CON CARBALLEDA DE AVIA E CASTRELO DE MIÑO.

  • O Concello de Ribadavia actuará como entidade promotora e representante da agrupación de concellos constituída con Carballeda de avia e Castrelo de Miño para a solicitude deste obradoiro de emprego.

O Obradoiro de emprego solicitado contará con 20 prazas para alumnado agrupado en dous módulos formativos, un módulo agrario e outro de enoturismo

AVANTAR ACTIVIDADES

O Concello de Ribadavia ven de constituir unha agrupación de concellos con Carballeda de Avia e Castrelo de Miño para solicitar un obradoiro de emprego ao abeiro da convocatoria de 2020. A documentación relativa ao proxecto de obradoiro de emprego xa foi presentada ante a Xunta de Galicia e agárdase que a resolución do concurso poida producirse cara ao final da primavera.

O proxecto de obradoiro de emprego presentado ante a Consellería de Economía, Emprego e Industria, conta con un orzamento total de 347.000€ para unha acción formativa con unha duración de 9 meses mais 3 meses de prácticas en empresas. Este proxecto de obradoiro denominado “Ribeiro: Turismo e Agro”, contará con dous módulos formativos diferenciados para un total de 20 alumnos, 10 en cada un dos módulos.

Haberá un módulo de formación agraria que se centrará nas operacións auxiliares de preparación do terreo, plantación e semente de cultivos agrícolas, rego, abonado e aplicación de tratamentos en cultivos agrícolas, así como recolección, almacenamento e envasado de produtos e o mantemento básico de instalacións. Por outra banda, o módulo adicado ao enoturismo proporcionaríalle ao alumnado formación centrada en xestionar a información e documentación enoturística; crear, promocionar e comercializar servizos e produtos enoturísticos locais; Información e atención ao visitante; Deseño de produtos e servizos enoturísticos e ademais, Inglés profesional para o enoturismo.

O alcalde de Ribadavia sinalou que “Estamos ante un proxecto de Obradoiro de emprego con un carácter moi innovador, non só pola natureza dúal que permitirá contar con dous módulos formativos perfectamente diferenciados, se non que, ademais, a propia natureza dos módulos resalta o carácter innovador da proposta xa que no módulo agrario a formación vincúlase ao concepto de aldeas modelo promovido pola Xunta de Galicia, e no caso do módulo adicado ao enoturismo a formación adquirida en TIC, idiomas e turismo así como os coñecementos adquiridos permitirán contar na comarca con xente formada en enoturismo, o cal ofrecerá ás empresas da contorna (adegas, casas de turismo rural, balnearios, servizos turísticos, etc.) a posibilidade de dispoñer de persoal cualificado e ben formado nun intre en que a demanda enoturística está aumentando.”

César Fernández afirmou que “a colaboración e cooperación institucional cos concellos e nomeadamente cos alcaldes de Castrelo de Miño e Carballeda de Avia, posibilitou que puidéramos presentar este proxecto de obradoiro de emprego que agardamos que, no caso de ser concedido, nos permita contar con veciños e veciñas destes tres concellos formados en competencias claves para afrontar os retos de futuro que temos por diante Ribadavia, Carballeda de Avia e castrelo de Miño.”