A Ruta do Viño do Ribeiro presenta a súa Estratexia Enoturística

  • Este luns presentou os resultados do Estudio socioeconómico e Estratéxico financiado pola Deputación Provincial de Ourense.
  • O traballo, desenvolvido por doce expertos das tres universidades galegas, marcará o devir enoturístico da comarca.
  • O evento celebrouse dende as cinco da tarde no Museo do Viño de Galicia

A Asociación Ruta do Viño do Ribeiro contará cunha estratexia propia para a dinamización enoturística do seu territorio. O estudio se enmarca no “Documento socioeconómico e estratéxico da Denominación de Orixe Ribeiro” elaborado por unha equipa de doce expertos pertencentes ás tres universidades galegas. Este traballo foi financiado integramente pola Deputación Provincial de Ourense e contou cun orzamento de 41.500 euros.

O estudio enoturístico estivo liderado por María do Mar Pérez Fra, Doutora en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago de Compostela e profesora no Departamento de Economía Aplicada desa mesma universidade. Con este traballo a Asociación Ruta do Viño do Ribeiro dótase dunha ferramenta que lle permitirá coñecer polo miúdo a súa realidade ao tempo que dispón dun instrumento para a toma de decisións cara a potenciación do enoturismo no territorio ribeirán

AVANTAR ACTIVIDADES

A Ruta do Viño do Ribeiro

A Asociación Ruta do Viño Ribeiro foi creada no ano 2007 coma unha entidade destinada á xestión e  promoción dos recursos enoturísticos do territorio co obxecto de que este sector contribúa ao desenvolvemento da comarca.  Hoxe en día conta con 54 socios entre os que hai 18 adegas, 7 establecementos de restauración, 18 aloxamentos, balnearios, termas, guía turística e oficinas de turismo, e museos.

Conta tamén cunha activa participación pública representada por 9 concellos (Boborás, Carballiño, Castrelo de Miño, Cenlle, Leiro, Ourense, Ribadavia, San Amaro e Toén)  así como o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro que ostenta a presidencia.

DATOS SOBRE A RUTA DO VIÑO DO RIBEIRO no período 2008/2018

A Ruta do Viño do Ribeiro leva recollendo datos de visitas a adegas dende o ano 2008. No período 2008/2018, teñen pasado polo Ribeiro preto de 100.000 persoas, tendo en conta os datos que se rexistran nas adegas. O número exacto é 97.361 persoas.

O mellor dato rexistrouse no ano 2018 onde os visitantes chegaron aos 13.343 persoas. O incremento medio de visitantes por ano sitúase no 12-14% tendo en conta que o incremento é ascendente dende o 2012, ano no que houbo o menor número de visitantes  de toda a serie rexistrada.

No tocante aos perfiles dos visitantes, o Ribeiro é destino preferente en colectivos de 45 a 65 anos que supoñen o 47% dos visitantes, se ben é certo que nos últimos anos, a franxa de idade que comprende os 30-45 vai aumentando ata situarse no 28%.

Os nosos enoturistas viaxan en parellas ou en grupo de non máis de 4 a 6 persoas cun nivel de renda medio, e proveñen sobre todo, no 90% de Galicia, un 8% do resto de España e un 2% de países europeos. Valoran moi positivamente en primeiro lugar, a atención nas adegas e o viño, as explicacións sobre a historia da adega e ao adegueiro/a.