Bolsas Excelencia Mocidade Exterior,

Back view of two happy students walking and talking in a university campus

A Xunta convoca a cuarta edición das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior, que ofrecen 150 prazas para que os mozos galegos do exterior fagan un mestrado en Galicia

O prazo de solicitudes abrirase o venres e permanecerá activo ata o 30 de abril

AVANTAR ACTIVIDADES

A Secretaría Xeral da Emigración convoca unha nova edición das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), dirixidas aos mozos galegos do exterior cun título universitario que queiran cursar un mestrado nalgunha das tres universidades galegas. A medida, incluída na Estratexia Retorna 2020, alcanza este ano a súa cuarta edición, e o anuncio, que sairá publicado mañá no Diario Oficial de Galicia (DOG), detallará a información sobre os requisitos e o número de prazas ofertadas nesta nova convocatoria, que ascenderá, ao igual ca o ano pasado, a 150.

O procedemento de solicitude realízase de xeito integramente telemático, xa que está deseñado para un fácil acceso e manexo desde o estranxeiro. Os mozos galegos do exterior que queiran beneficiarse deste programa de BEME deben ser galegos por nacemento ou descendentes por consanguinidade, acreditar un mínimo de dous anos de residencia no exterior, e estar admitido na preinscrición dalgún dos mestrados das universidades galegas. A bolsa, cuxo importe é de 7.000 ou 7.650 euros (segundo a persoa beneficiaria proceda de Europa ou do resto do mundo) por curso completo de 60 créditos ECTS, destínase a cubrir os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención na Galicia territorial. Aqueles que se matriculen nun curso de maior duración (90 créditos) disporán dun presuposto total de ata 11.475 euros (en función do continente de procedencia do alumno).

Remate do prazo

O prazo de solicitudes desta cuarta convocatoria das BEME rematará o 30 de abril ás 23:59 horas, e o obxectivo derradeiro que persegue a Secretaría Xeral da Emigración en colaboración coas tres universidades galegas é fomentar Galicia como un destino profesional de calidade captador de talento.

Poderanse consultar as preguntas frecuentes sobre esta convocatoria das BEME a partir de mañá no seguinte ligazón: https://emigracion.xunta.gal/es/bolsas-excelencia-mocidade-exterior-2020