O vindeiro 18 de marzo remata o prazo para presentar traballos para o XXX Premio de xornalismo “Xosé Aurelio Carracedo”, un galardón que convoca a Deputación de Ourense para premiar o mellor traballo ou conxunto de traballos xornalísticos –escritos, gráficos, audiovisuais ou dixitais- publicados en medios de comunicación galegos ou noutros medios de comunicación -co traballo referido a Galicia-, entre o día 1 de xaneiro de 2019 e o día 31 de decembro do mesmo ano. O premio, instaurado pola institución provincial como homenaxe e lembranza do xornalista ourensán que lle da o seu nome, falecido en 1988, e en defensa dun xornalismo de calidade, consiste nun único galardón dotado con 3.000 euros.
A este premio poderen optar todos os profesionais ou colaboradores habituais que exerzan o seu labor en medios de comunicación escritos, audiovisuais ou dixitais, en calquera das súas modalidades. As propostas para optar ao premio poderán ser, indistintamente, presentadas polos propios interesados, pola dirección do medio no que foron publicadas, por institucións, asociacións, colectivos, persoas individuais ou polo propio xurado.
O xurado do premio estará presidido polo presidente da Deputación de Ourense ou persoa en quen delegue, e como vogais, formarán parte do xurado: un representante do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, un da Federación de Asociacións de Periodistas, outro da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela, e un representante da Facultade de Ciencias Sociais e Comunicación da Universidade de Vigo. O secretario do xurado, con voz pero sen voto, será o asesor de Comunicación da Deputación de Ourense.
Os interesados en participar teñen de prazo para presentar as súas propostas ata o día 18 de marzo de 2020 e o acto de entrega do premio será o 4 de maio. As propostas deberán ir acompañadas de seis fotocopias da páxina ou páxinas en que foron difundidas, se son publicacións impresas. No caso de traballos dixitais, seis copias de capturas de pantalla ou seis copias do texto, nos dous casos con certificado do responsable do medio facendo constar a data de publicación, así como a dirección da páxina web na que figura o traballo. Se se trata de traballos audiovisuais, presentaranse seis copias en CD, DVD ou lapis dixital, segundo os casos. Se os traballos se publicaron sen se asinar ou con pseudónimo, deberá achegarse un certificado do director do medio, no que conste a data de emisión e nome ou nomes dos autores. Independentemente da persoa ou persoas que presentan a proposta, esta deberá vir acompañada igualmente dun breve currículo vitae do autor ou autores que opten ao premio. Os traballos remitiránselle á Deputación de Ourense, baixo o epígrafe de “XXX Premio de xornalismo Xosé Aurelio Carracedo”.