A CIG alerta da posible existencia masiva de amianto nas instalacións que se van demoler na Praza de Abastos

AVANTAR ACTIVIDADES

Ante o inminente comezo das obras de demolición e posterior restauración da Praza de Abastos no centro da cidade de Ourense, desde a CIG queremos advertir da absoluta necesidade de extremar as medidas de seguridade na fase de demolición e xestión de residuos, debido á máis que segura presenza de amianto, especialmente nas placas de fibrocemento que cobren a maioría das instalacións, postos de venda e Rianxo. Cumpriría tamén un estudo previo para saber se no edificio principal tamén puidera haber amianto, tanto nos materiais de construción como en instalacións de illamento e calorifugado.

Neste sentido esiximos que se cumpra escrupulosamente coas normas recollidas no RD 396/2006, do 31 de marzo, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde aplicables aos traballos con risco de exposición ao amianto.

Este Real Decreto establece, entre outras, as seguintes obrigas:

  • Que sexa unha empresa inscrita no RERA (Rexistro de Empresas con Risco de Amianto) a encargada da execución.
  • Elaboración dun Plan de Traballo exhaustivo, que deberá ser presentado perante a Autoridade Laboral, quen deberá tutelalo e comprobar o seu estrito cumprimento.
  • A habilitación de vestiarios móbiles especiais, duchas, e posterior recollida das augas residuais.
  • Se fose preciso, deberase illar a zona de traballo, aspecto este nada baladí, tendo en conta que os traballos vanse realizar en pleno centro da cidade e coas Burgas de testemuña de excepción.
  • A roupa de traballo dos operarios será un buzo flexible, de material antiadherente, provisto de cubrecabeza e sen petos nin aberturas. 
  • A roupa de protección, luvas e filtros, serán desbotábeis e tratadas como residuos de amianto.
  • Proveerase de elementos de protección respiratoria.
  • As persoas traballadoras deberán recibir a información e formación necesaria para estar en condicións de realizar o traballo en condicións de seguridade. 
  • Hai que garantir a vixilancia da saúde por parte da empresa, con recoñecemento médico previo e obrigatorio, e con controis post ocupacionais.

En definitiva, estamos ante unha obra que require respectar unha condicións moi esixentes de seguridade, a fin de garantir a saúde de quen a vai realizar, e de toda a poboación que poda circular polas inmediacións.

Propoñemos que, ademais da xa prevista legalmente intervención, control e tutela da Autoridade Laboral, o Concello dedique esforzos e medios materiais e humanos para levar a cabo os traballos de forma segura, poñendo a Ourense na vangarda da prevención de riscos e  do traballo seguro.