A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou as bases reguladoras da XVII edición do premio de narración e ilustración infantil e xuvenil “Pura e Dora Vázquez”. Na modalidade de narración poderán presentarse ao concurso autores de calquera nacionalidade, sempre que presenten os seus orixinais en lingua galega. As narracións que se presenten terán temática libre, sempre adaptada a un público infantil ou xuvenil, e os textos serán inéditos e totalmente orixinais, coas seguintes características: os textos terán unha extensión mínima de 25 páxinas e máxima de 100 páxinas, formato A4, sempre escritos en programa Word, fonte tipográfica Times New Roman, tamaño de letra 12 puntos e interliñado 1,5.
Na modalidade de ilustración poderán concorrer ó premio ilustradores de calquera nacionalidade que presenten as súas ilustracións e orixinais, non menos de dez, tomando como base o texto premiado na modalidade de narración deste XVII Premio “Pura e Dora Vázquez” de narración xuvenil, e sempre tratando de que estas queden repartidas ao longo do texto a ilustrar.