O PSDEG-PSOE DE OURENSE CHAMA A “SAÍR ÁS RÚAS” PARA QUE “XUNTAS” AVANCEMOS CARA UNHA SOCIEDADE “MÁIS XUSTA E IGUALITARIA” CON MOTIVO DO 8-M
Os socialistas participarán mañá en numerosos actos por toda a provincia e organizaron programas de actividades moi completos e ambiciosos nos concellos nos que gobernan na provincia
A secretaria provincial de igualdade, Zaida Rodríguez, afirma que “é un día de reivindicacións para o espazo feminista” e subliña que “todas debemos estar, partidos políticos incluídos, sen monopolizacións”
Como cada 8 de marzo, o PSdeG-PSOE de Ourense súmase ás reivindicacións do Día Internacional da Muller. Os socialistas reivindican o papel de “xeracións de mulleres” que loitaron con “valentía e determinación” pola liberdade. Nos seus 140 anos de historia o PSOE contribuíu “a esta loita pola liberdade, que grazas ás mulleres e hoxe un patrimonio colectivo”, explican dende a secretaría provincial de igualdade da man da súa secretaria, Zaida Rodríguez, quen afirma que este #8M “será de novo un aldabonazo sobre as conciencias cívicas e políticas” e subliña que “é un día de reivindicacións para o espazo feminista mundial e no que debemos de estar todas, partidos políticos incluídos, sen monopolizalo en ningún colectivo en particular”.
Os socialistas na provincia están reivindicando a figura da muller, no seu día reivindicativo, con programas moi completos e ambiciosos nos concellos que gobernan na provincia de Ourense, que xa comezaron o longo desta semana por toda a xeografía ourensá. Onte, sen ir máis lonxe, celebrouse tamén un acto institucional da Administración Xeral do Estado, diante da Subdelegación do Goberno, no que se fixo un chamamento a igualdade e onde o propio subdelegado do Goberno, Emilio González Afonso, fixo un chamamento a “camiñar xuntos, unidos e fortes sementando esa igualdade real e efectiva”. Mañá o PSdeG-PSOE de Ourense participará en numerosos actos pola mañá como o I Partido de Fútbol do Día da Muller, na Carreira da Muller, e en múltiples concentracións e actos o longo da provincia, que terán como colofón a manifestación que percorrerá as rúas da cidade de Ourense a partir das 20:00 horas e nas que as socialistas “tamén estaremos presentes, sumándonos ó clamor de todas as mulleres e homes de Ourense”, explica Zaida Rodríguez.
Dende a secretaría provincial de igualdade queren resaltar a importancia deste día, nun momento, na que segundo afirman “a ameaza ultradereitista está cuestionando os dereitos das mulleres e aseguran que “ten que ternos enfronte os socialistas dándolles unha resposta contundente nas rúas” e lembran que a día de hoxe e a pesar das conquistas “aínda persiste discriminación, porque hai quenes cuestionan o feminismo intentando que volvamos ó pasado, negando a violencia de xénero e a violencia sexual”.
O PSdeG-PSOE de Ourense amosa, unha vez máis, o total compromiso dos socialistas e as socialistas pola erradicación da violencia de xénero, o fin da precariedade laboral e a fenda salarial, a defensa dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres e a abolición da prostitución e a trata de seres humanos con fins de explotación sexual. Motivos tralos que afirman que “queremos unha sociedade paritaria e participativa na que as mulleres ocupemos o lugar que nos corresponde por dereito, que nos trate como persoas libres, adultas e capaces de tomar as nosas propias decisións”.
Este 8 de marzo, o PSdeG-PSOE de Ourense sairá as rúas para celebrar o acadado e para reivindicar todo o que queda por facer. “A igualdade real e efectiva é o horizonte cara o que camiñamos xuntas, unidas e firmes, sabedoras de que existe unha ameaza significativa de reversión dos logros feministas que tanto esforzo custou acadar”, afirman os socialistas, que tamén fan un chamamento a cidadanía, organizacións e institucións para que “xuntas avancemos cara unha sociedade máis xusta e igualitaria” e finalizan “Viva a loita das mulleres”