O Concello da Veiga acollerá, o día 15 de marzo, a proba cicloturista popular “Gran Fondo Trevinca Starlight”, un evento deportivo que destaca polas súas paisaxes, a dureza e a singularidade do seu percorrido que atravesará diferentes pobos do municipio. A presentación desta proba tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde da Veiga, Juan Anta; e o director deportivo do evento, David Álvarez.
“Gran Fondo Trevinca Starlight” é unha “maridaxe perfecta de natureza e deporte na cima de Galicia”, dixo Rosendo Fernández. Neste mesmo sentido, o alcalde da Veiga explicou que o obxectivo deste evento é “poñer en valor o noso concello e que a xente coñeza as particularidades dos nosos pobos coa súa especial orografía”. Así mesmo, Juan Anta sinalou que se trata dunha “proba de emocións que volve ao rural profundo”.
A proba, que comezará ás 10.00 horas desde a Praza do Concello da Veiga, é un evento “único e diferenciador, con tres distancias para que poida ir todo o mundo, que son gran fondo de 100 quilómetros, medio fondo de 75 quilómetros e mini fondo de 45 quilómetros”, sinalou David Álvarez, quen adiantou que na vindeira edición “participarán neste evento profesionais por ser un entorno único” e afirmou que non se trata dun evento, senón dun “destino cicloturista único”.
As inscricións, limitadas a un máximo de 300 participantes, poderán realizarse a través da páxina web www.granfondopenatrevinca.com ata o luns ás 23.00 horas. “Ata o momento contamos con máis de 170 inscritos, o que confirma o éxito absoluto desta primeira edición”, afirmou Juan Anta.