Novas Medidas da Xunta polo CORONAVIRUS

anf informa en rolda de prensa sobre os asuntos tratados na reunion da comision interdepartamental para o seguimento do coronavirus

A Comisión Interdepartamental valida as medidas de contención do virus que entrarán en vigor hoxe despois de publicarse hoxe no DOG

O texto inclúe medidas como a suspensión de todas as actividades dos centros sociocomunitarios e dos centros de día

AVANTAR ACTIVIDADES


anf informa en rolda de prensa sobre os asuntos tratados na reunion da comision interdepartamental para o seguimento do coronavirus

No eido do transporte público, así como das súas infraestruturas, desaconséllase o seu uso aos grupos de poboación especialmente vulnerables ás infeccións respiratorias, ás persoas que convivan con estes grupos, así como ás mulleres embarazadas

Feijóo avanza que, a partir de mañá os confirmados comunicaraos directamente o Servizo Galego de Saúde, co obxectivo de liberar a presión que se está a producir no laboratorio de Majadahonda

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, presidiu a Comisión interdepartamental, na que se validou o documento que entrará en vigor mañá, coas medidas de prevención para conter o contaxio do coronavirus, competencia da Comunidade. Estas medidas serán publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia, de forma extraordinaria, e terán unha vixencia de 14 días.

Se ben a maior parte das iniciativas xa se deron a coñecer na rolda de prensa do Consello, Feijóo referiuse a algunhas novidades no ámbito da política social como a suspensión de todas as actividades dos centros de día –sexan de maiores, de protección de menores ou de discapacidade-; das actividades dos centros ocupacionais, dos puntos de atención á infancia, das escolas infantís, de ludotecas e doutros espazos infantís; así como das residencias de tempo libre, dos albergues xuvenís e espazos xoves.

No referente aos centros residenciais, Feijóo precisou que estes continuarán prestando servizo, coa limitación das visitas, ademais da recomendación de non facer actividades dentro dos centros.

No eido do transporte público, así como das súas infraestruturas, o titular da Xunta desaconsellou o seu uso aos grupos de poboación especialmente vulnerables ás infeccións respiratorias, ás persoas que convivan con estes grupos, así como ás mulleres embarazadas.

En relación ás actividades de ocio, culturais e similares, cómpre salientar que se limita a un máximo de 500 persoas os eventos que se celebren en recintos pechados e a 1.000 os que teñan lugar ao aire libre. “Deste xeito, nunha sala de 900 persoas de aforo máximo poderán estar 300. Sempre, polo tanto, que non se superen as 500 persoas e sempre que non se supere un terzo do aforo autorizado”, dixo, precisando que esta limitación non afectará a espazos pechados cun aforo igual ou inferior a 50 persoas, xa que neste caso si se poderán celebrar estes actos, coa recomendación de aplicar as medidas de distanciamento.

“Estamos a falar, en definitiva, de medidas preventivas que implementamos porque cremos que é o mellor para a sociedade galega, para todas as persoas que residen en Galicia ou que están na Comunidade neste momento”, abundou, afirmando que o Goberno galego seguirá traballando en todas as frontes para minimizar o impacto do COVID-19.

“E seguiremos traballando desde a cooperación, a coordinación e a colaboración estrita co Ministerio de Sanidade, conscientes de que estamos nunha situación extraordinaria que precisa de medidas extraordinarias”, dixo, facendo un chamamento á comprensión e responsabilidade de todos os cidadáns, empresas, institucións, etc.

Feijóo concluíu destacando que, segundo os datos das 14,00 horas, Galicia ten 36 confirmados e 28 casos por confirmar. E avanzou que, a partir de mañá os confirmados comunicaraos directamente o Servizo Galego de Saúde, co obxectivo de liberar a presión que se está a producir no laboratorio de Majadahonda.

Así mesmo, reiterou unha vez máis o agradecemento a todos os profesionais sanitarios que están en primeira liña traballando para intentar diminuír o contaxio deste virus, que está poñendo nunha situación de dificultade a todos os países.