A Deputación renovará a iluminación dos concellos das comarcas da Baixa Limia e Terra de Celanova

A Deputación de Ourense, ao amparo da convocatoria de axudas do “Real  Decreto 616/2017, do 16 de xuño, polo que se regula a concesión de axudas a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía de aforro en alumeado público no marco do programa operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020”, proxecta a renovación das instalacións de alumeado público de titularidade municipal nos concellos das comarcas da Baixa Limia e Terra de Celanova.

AVANTAR ACTIVIDADES

Este proxecto permitirá a renovación do alumeado de 13 concellos da provincia: Celanova, Verea, Bande, Pontedeva, Entrimo, Lobeira, Ramirás, Quintela de Leirado, Padrenda, Lobios, Muíños, A Merca e A Bola.

O obxecto do proxecto consiste en reducir o consumo das instalacións de alumeado, iluminación e sinalización existentes, mediante a substitución dos actuais equipos por luminarias de maior rendemento, por fontes de luz de maior eficiencia e/ou por equipos electrónicos de regulación e control. Regularanse os niveis de iluminación segundo diferentes horarios nocturnos e tipos de vías axustándose ás necesidades dos cidadáns.

As actuacións consistirán no subministro e instalación de luminarias de tecnoloxía LED, incluíndo a adaptación dos centros de medida, mando, protección e control á normativa vixente, para a renovación das instalacións de alumeado, iluminación e sinalización exterior nos municipios anteriormente citados.

A eficiencia e o aforro enerxéticos constitúen “obxectivos prioritarios para calquera economía, xa que melloran a competitividade dos seus procesos produtivos e reducen as emisións de gases de efecto invernadoiro, todo elo sen afectar ao dinamismo da actividade”, explicou o deputado provincial de Cooperación.

O obxectivo co que a Deputación de Ourense realiza dito proxecto é que permite “dar cumprimento ás novas esixencias normativas e sociais de eficiencia, racionalizando o consumo enerxético, o aumento da calidade visual da iluminación, a redución de emisións de dióxido de carbono á atmosfera e o incremento da vida útil dos equipos, minimizando tanto a taxa de reposición destes como os custes de mantemento”, dixo Pablo Pérez.

O investimento a realizar para o desenvolvemento deste proxecto ascende aos 797.810 euros dos que, 61.370 euros son para cada concello coa seguinte distribución: Celanova (300 luminarias) Verea (279 luminarias), Bande (265 luminarias), Pontedeva (200 luminarias e 152 lámpadas), Entrimo (267 luminarias), Lobeira (244 luminarias), Ramirás (284 luminarias), Quintela de Leirado (207 luminarias), Padrenda (264 luminarias), Lobios (293 luminarias), Muíños (252 luminarias), A Merca (274 luminarias) e A Bola (258 luminarias). Tamén se deixa un apartado nesta mellora para o control telemático das propias luminarias.