A Xunta repartirá esta semana case 24.400 unidades de material de protección na cidade de Ourense. En total, serán 8.262 mascarillas, 16.000 guantes e 131 traxes. O Goberno galego xa repartiu material de protección no 98% dos concellos galegos e esta semana chegará ao 100% dos municipios cun novo envío ás sete cidades ás que distribuirá case 190.000 unidades.
Desta forma,
as sete cidades recibirán nestes días 63.000 mascarillas, 1.000 traxes e
122.000 guantes. Todo o material distribuirase directamente desde a plataforma
loxística que a Xunta vén de poñer en marcha para axilizar o proceso e
centralizar a adquisición e o reparto de equipos de protección individual
durante o estado de alarma e a emerxencia sanitaria polo coronavirus. Así,
levarase o material directamente aos concellos para evitar desprazamentos.
No reparto, priorizouse inicialmente aos concellos pequenos e medianos xa que
dispoñen de menos recursos. A Administración autonómica ten previsto que a
cifra de unidades de protección adquiridas directamente pola Xunta e repartidas
aos concellos ascenda a finais desta semana a 685.000, en concreto, 472.000
guantes, 185.000 mascarillas, 12.000 traxes e 16.000 batas.
Os criterios de reparto están consensuados coa Federación Galega de Municipios
e Provincias (FEGAMP) e realízanse en base a criterios obxectivos tendo en
conta a poboación, o número de casos positivos, o número de efectivos de
Policía, o número de voluntarios de Protección Civil, e o número de horas do
servizo de axuda no fogar.
Con esta medida, Goberno galego pretende dotar do equipamento necesario
ás entidades locais para que o persoal dos servizos municipais involucrados na
loita contra a expansión do coronavirus e que seguen a traballar como é o caso
de Protección Civil ou os servizos de axuda no fogar para que conten co
material de protección que precisan.