Espazo Común : Plan CON-VIDA 20 para comercio, hostalaría e pemes

ESPAZO COMÚN PROPÓN QUE O CONCELLO  POÑA EN MARCHA LIÑAS POR VALOR DE  1,6 MILLÓNS DE EUROS EN AXUDAS ESPECÍFICAS PARA COMERCIO, HOSTALARÍA E PEMES E ASUMA AS COTAS DE AUTONÓMOS DE MARZO E ABRIL.

Dentro do Plan O Carballiño CON-VIDA 20, esta e outras medidas buscan dar un apoio imprescindible ao empresariado local para que poida saír vivo desta crise. Hoxe avanzamos algunhas das incluídas no apartado de REACTIVACIÓN DO TECIDO ECONÓMICO LOCAL.

AVANTAR ACTIVIDADES

Con empregar a metade dos catro millóns de € anunciados polo alcalde do Carballiño coma remanente de tesourería, sería suficiente para dar osíxeno á economía do pobo.

Faise imposible de todo punto calcular a duración e proporcións que vai ter esta crise sanitaria e a conseguinte catástrofe económica que vai a traer aparellada.

A preocupación de moitos cidadáns é máxima e lóxica no contexto actual e ante a mesma, son as administracións as que deben respostar de xeito inmediato e solvente para aportar un chisco de tranquilidade a todos aqueles que non saben o que lles vai a deparar o futuro a moi curto prazo.

Por iso e segundo anunciado, dende Espazo Común e despois de manter conversas con gran número de afectados, lanzamos unha batería de medidas que coidamos poden axudar enormemente a paliar a problemática.

Estas son as seguintes

Recuperación da suprimida liña de axuda ao emprendemento para axuda a pemes de menos de catro anos de antigüidade en gastos de aluguer e equipamento informático. Convocatoria de 20 subvencións por importe de 1.500 €.

IMPACTO ECONÓMICO : 30.000 €

  • Implantación da liña de axudas O Carballiño Con-Vida 20 para a reactivación de autónomos, comercios, locais de hostalaría e outras pemes que acrediten unha baixada de ingresos superior ao 25 % con respecto ao período anterior á crise.

IMPACTO ECONÓMICO :  1.000.000 €

  • Que o Concello do Carballiño, asuma ao través dunha liña de sinxela tramitación o custo das cotas de autonómos non suprimidas polo Goberno Central, dos meses de marzo e abril.                                                          

 IMPACTO ECONÓMICO: 500.000 €

  • Posta en marcha, con persoal municipal, dun servizo de asesoramento para pequenos empresarios co gaio de apoialos coa solicitude e tramitación de calquera axuda convocada por outras administracións relacionada co seu negocio.
  • Axilizar o pagamento de facturas pendentes no Concello cos proveedores para facilitarlles liquidez nestes momentos tan delicados.
  • Compromiso absoluto de contratación  de obras e servizos e de compra no comercio e nas empresas locais.
  •  Creación dunha plataforma dixital municipal para aloxar produtos para a súa venta online e realizar campañas promocionais do comercio local.

IMPACTO ECONÓMICO 10.000 €   

  1. Implementación dunha liña municipal de axudas á tecnoloxización do pequeno comercio e das empresas que lles permita a adaptación para participan na plataforma local de e-commerce e promoción do comercio local no caso das primeiras e adaptarse ás necesidades do teletraballo no caso das                       segundas. 25 axudas a 2.000 € cada unha.   

       IMPACTO ECONÓMICO : 50.000 €

  • Aumento da subvención concedida ao Centro Comercial Aberto ata os 25.000 € para facilitarlles a execución de campañas de promoción e dinamización do comercio local.

IMPACTO ECONÓMICO : 18.800 €

  • Creación dunha Mesa de Seguimento do Comercio Local con reunións mensuais para o fomento de iniciativas para darlle pulo a este sector.
  • Posta en marcha dun programa urxente para a activación do proxecto de ampliación do chan industrial dispoñible no Carballiño co fín de tentar captar empresas xeradoras de emprego nun futuro inmediato.

A vindeira semana contamos ter rematada xa a parte de protección social para as familias e as medidas sanitarias para poder presentar a proposta e que sexa debatida en pleno para a súa aprobación se se consegue o apoio maioritario da corporación.