A Deputación de Ourense promoverá a colaboración voluntaria do seu persoal en servizos esenciais doutras administracións

AVANTAR ACTIVIDADES

A Deputación de Ourense, dentro das actuacións postas en marcha para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola pandemia do Covid-19, promoverá a colaboración voluntaria dos empregados públicos da Administración provincial en servizos esenciais dependentes doutras administracións públicas, en particular, nas áreas sanitaria, socio-sanitaria, de emprego, para a protección de colectivos vulnerables e aqueloutras que requiran un reforzo en materia de persoal, como consecuencia da pandemia, explicou hoxe o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, afirmando que a cooperación nestes momentos con outras administracións é básica para que entre todos podamos sacar adiante iniciativas e propostas que contribúan a reducir os efectos sanitarios, sociais e económicos que está a ocasionar o coronavirus, comenta.

En concreto, esta medida busca facilitar ao máximo o uso por parte dos empregados públicos provinciais da posibilidade introducida pola Disposición Adicional 18ª do Real Decreto Lei 11/2020, de 31 de marzo, aprobado polo Goberno, polo que se adoptan medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte ao Covid-19. Así, a Deputación de Ourense adoptará medidas para lograr a máxima aplicación desa disposición, entre as que se atopan: difundir entre o seu persoal a posibilidade de que, en función da súa cualificación profesional, poidan ofrecer a súa colaboración voluntaria en servizos esenciais dependentes doutras administracións públicas; e solicitar das administracións públicas que prestan servizos esenciais, en especial na área socio-sanitaria, de emprego, e para a protección de colectivos vulnerables, información sobre as súas necesidades de persoal, co fin de ofertar aos seus empregados a posibilidade de colaborar para paliar as devanditas necesidades.

Tamén autorizará a Deputación aos empregados públicos provinciais que o soliciten, a súa colaboración cos servizos esenciais doutras administracións públicas, e unicamente poderase denegar a autorización no suposto en que as funcións do persoal voluntario sexan imprescindibles para os servizos esenciais que xestiona a propia Deputación.

A Deputación de Ourense continuará asumindo as retribucións íntegras do seu persoal durante o tempo en que este se atope prestando servizos de forma voluntaria noutras administracións públicas, durante o tempo que dure o estado de alarma.