A Xunta oferta un plan de formación de xuventude e voluntariado durante a emerxencia sanitaria do COVID-19

Estará formado por 18 cursos en liña, cun total de 1250 prazas, orientados á formación básica e especializada.

A Xunta impulsa un plan de formación para a mocidade e as persoas voluntarias de Galicia coa finalidade de ofrecer opcións en materia de voluntariado e de educación non formal durante esta situación de emerxencia sanitaria provocada polo COVID-19.

AVANTAR ACTIVIDADES

O plan está conformado por 18 cursos en liña, cun total de 1250 prazas, orientados á formación básica en materia de voluntariado, así como á formación especializada e específica en lingua de signos, coidado ambiental (facendo especial fincapé no ámbito da reciclaxe na casa), novas tecnoloxías ou voluntariado en situacións de emerxencia.

No ámbito da xuventude, as accións formativas centraranse no eido dixital, a comunicación, o tempo libre e técnicas de mellora emocional. Poderán inscribirse a estes cursos persoas mozas de entre 16 e 35 anos.

Os formularios de inscrición estarán dispoñibles na páxina web de Voluntariado a partir do vindeiro mércores 8 de abril. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 13 de abril, salvo esgotamento de prazas. Se nalgún curso houbese prazas máis alá do 13 de abril, a inscrición permanecería aberta ata dous días antes de que comece dito curso.

Cursos ofertados

Desta maneira, poñeranse en marcha un total de 11 cursos de formación dirixidos á xuventude: Fotografía dixital; Oratoria: formación en comunicación; Xestión do estrés; Crea a túa páxina web; Influencers dixitais; Xestión do tempo para o estudo; Educación en valores no tempo libre; Orientación vocacional; Escape Room educativo analóxico e dixital; Obradoiro de gravación de vídeo e Futuro en igualdade.

Pola súa banda, os sete cursos que se desenvolverán no ámbito do voluntariado son: Acción voluntaria en situacións de emerxencia, Lingua de signos, Novas tecnoloxías como ferramentas para persoas voluntarias; Voluntariado e transformación social; Aprendizaxe reflexiva a través da acción voluntaria; Curso básico de voluntariado; e Educación e voluntariado ambiental.