O sector agrario de Ourense mostra un plus de resistencia á crise do coronavirus

A Deputación de Ourense deu a coñecer un informe específico do Observatorio Económico Ourensán sobre o impacto que a crise do Covid-19 está a ter na economía da provincia de Ourense, destacando que o sector agrario ourensán mostra ?un plus de resistencia no primeiro impacto da crise sanitaria.

Neste sentido, é notable o significativo incremento que experimentaron as afiliacións do sector primario, que crecen un 4,72 % respecto das de febreiro (crecendo case un punto máis que no conxunto de Galicia e máis de 3,5 en comparación coas de España), un incremento que supera o 7,7 % con respecto a respecto de marzo de 2019.

AVANTAR ACTIVIDADES

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, valora positivamente esta circunstancia na actual conxuntura económica e afirma, á espera de ver a evolución das afiliacións no sector primario nos próximos meses, que os primeiros datos parecen confirmar esa fronte de resistencia que ofrece este sector na provincia de Ourense, algo que reforza a necesidade de seguir apostando pola agroalimentación e outros ámbitos deste sector de actividade, un aspecto que o Observatorio vén destacando de maneira continuada, expresa o presidente do goberno provincial.

Ademais, o sector primario traslada as cifras positivas na evolución das afiliacións ao desemprego, que diminúe neste sector, mentres crece en todos os demais, especialmente no sector servizos.

A crise sanitaria móstrase tamén no número de contratos asinados na provincia de Ourense, que foron no mes de marzo un total de 4.381, un 25,7 % menos dos asinados en febreiro e un 23,7 % menos que en febreiro do ano pasado. En relación á evolución das afiliacións e o desemprego no mes de marzo, os datos revelan xa as primeiras consecuencias da crise sanitaria, sendo especialmente máis visibles nos indicadores do desemprego que nos das afiliacións. Isto é así porque mentres os datos de paro rexistrado refírense ao número de desempregados rexistrados nas oficinas de emprego a final de marzo, os datos das afiliacións recollen a media de marzo (o estado de alarma declarouse a mediados de mes), e haberá que esperar a mediados de abril que é cando se coñecerán os datos de afiliados.

Os 101.351 afiliados deste mes na provincia de Ourense supoñen unha perda total de 868 afiliados respecto da media do mes de febreiro, unha diminución que se concentra especialmente nos afiliados en Réxime Xeral (852 menos que en febreiro). En termos porcentuais, as afiliacións medias de marzo son xa un 0,85 % inferior ás medias de febreiro, unha caída inferior á do conxunto de Galicia (-0,96 %) e de España (-1,26 %), onde xa se deixa ver o impacto da perda de emprego nas comunidades autónomas intensivas no sector turístico. A pesar deste descenso, as cifras medias de afiliados de marzo no Réxime Xeral aínda son superiores ás de marzo de 2019 (+0,26 % no caso de Ourense, superando así o +0,11 % de Galicia e o decrecimiento de -1,21 % en España).

No extremo contrario estaría as evolucións das afiliacións no Réxime Xeral en sectores como as actividades artísticas e recreativas, a hostalaría ou a construción, que mostran xa significativos descensos que se multiplicarán cos próximos datos.

Onde si se empeza a reflectir o impacto da crise é nas cifras de desemprego e nas de novos contratos. Os 19.322 desempregados rexistrados na provincia de Ourense a finais de marzo supoñen 925 máis que os rexistrados a finais de febreiro, o que se traduce nun crecemento do desemprego do 5,03 %, unha subida case similar á galega. Na comparativa cos datos de marzo de 2019, a subida do paro é significativamente inferior en Ourense pola boa traxectoria que a provincia experimentara nos últimos doce meses.

Os datos que reflicte o Observatorio Económico Ourensán forman parte da documentación que analiza o Comité do Día Despois, iniciativa pioneira en España, impulsada polo presidente Baltar, que ten como obxectivo activar medidas que, desde o minuto uno do retorno á normalidade social tras o estado de alarma, favorezan o relanzamento económico, o que a Deputación de Ourense fará da man dos autónomos, os empresarios e do tecido produtivo da provincia. O Observatorio é unha ferramenta de análise económica, laboral, empresarial e social da situación da provincia de Ourense e as súas comarcas