O PP critica a Villarino pola súa política de galería

O grupo provincial popular afea ao portavoz do PSOE “a súa política de galería en plena crise sanitaria falando de doar diñeiro alleo e non propio”

O portavoz do PP, Plácido Álvarez, afirma que “o sacrificio persoal” do portavoz socialista Rodríguez Villarino “deixa moito que desexar propoñendo dispor de diñeiro público non devengado ao non reunirse os órganos colexiados e que, ademais, xa está a formar parte dos recursos que a Deputación está a destinar á loita contra esta pandemia”. Álvarez invita ao deputado socialista a que faga unha doazón con cargo á súa retribución por dedicación exclusiva e sen publicidade, como xa veñen de facer os deputados do grupo popular de goberno

AVANTAR ACTIVIDADES

“En plena crise sanitaria, con milleiros de enfermos e falecidos, aínda temos que atoparnos con representantes públicos que fan unha política rexeitable de galería e demagoxia, falando de doar diñeiro alleo e non propio”. Plácido Álvarez, portavoz do grupo provincial popular e vicepresidente terceiro da Deputación de Ourense expresou así o seu malestar pola “ocorrencia publicitaria” do portavoz socialista, Rafael Rodríguez Villarino, de propoñer a doazón das cantidades que lles corresponderían aos deputados do seu grupo pola asistencia aos órganos colexiados –e non reunidos- durante os meses de marzo e abril.

“É pura demagoxia dispoñer de diñeiro que non se ten porque non se devengou”, explicou Plácido Álvarez, “cartos que, por outra banda, xa están a formar parte dos recursos que a Deputación está a destinar á loita contra esta pandemia mediante a reasignación de partidas orzamentarias”. Lembrou ademais que as entidades propostas polo deputado socialista para a recepción do importe das asistencias, Cruz Vermella e Cáritas, van recibir por acordo da Xunta de Goberno extraordinaria do pasado 1 de abril 30.000 euros cada unha delas.

“A iniciativa e sacrificio persoal do señor Villarino deixa moito que desexar”, criticou Plácido Álvarez, “propoñendo aportar o que non cobrou nin vai cobrar pola suspensión dos órganos colexiados nos que está presente”. Así, Álvarez invitou ao portavoz socialista a mostrar empatía coa sociedade ourensá neste complexo momento e que doe a súa retribución exclusiva ou parte dela, “tendo en conta tamén que pouco ou case nada fixo neste tempo, agás criticar as medidas que a Deputación está a adoptar e que son valoradas moi positivamente”.

Plácido Álvarez desvelou, neste sentido, “que os deputados provinciais do Partido Popular están a facer aportacións das súas propias retribucións ao fondo común da organización a nivel nacional, mesmo a título particular, e sen publicitar porque non estamos nunha carreira para ver quen ten a mellor ocorrencia, senón no momento da solidariedade desde o ámbito máis persoal, e non con cartos alleos xa destinados a outros recursos”.