O PSDEG-PSOE congratúlase de que Baltar asuma como propias iniciativas dos socialistas

O PSDEG-PSOE CONGRATÚLASE DE QUE BALTAR ASUMA COMO PROPIAS INICIATIVAS DOS SOCIALISTAS E ANIMAN Ó PRESIDENTE DA DEPUTACIÓN DE OURENSE A SEGUIR NESTA SENDA

A iniciativa de anticipar fondos aos concellos que teñen delegada a recadación na institución provincial foi proposta o 26 de marzo xunto a outras 15 medidas socioeconómicas, laborais ou sociais
“Pregan” a Baltar que “abandone os titulares grandilocuentes e irreais como aconteceu ao denominar banca provincial a algo que non o é” posto que pode xerar confusións
Ourense, 9 de abril de 2020. O PSdeG-PSOE congratúlase de que o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asuma como propia a iniciativa socialista de anticipar fondos aos concellos que teñen delegada a recadación na institución. Esta medida é unha das 15 presentadas polo grupo provincial dos socialistas o pasado 26 de marzo nun plan global por importe de 19 millóns de euros, dando cabida a accións socioeconómicas, laborais, sociais, de hixiene pública, mobilidade, medio rural, medio ambiente, información e asesoramento á veciñanza.
As deputadas e deputados presentaron este amplo programa de medidas no rexistro hai dúas semanas cuxo obxecto, aseguran, é “prover aos concellos de axudas para optimizar o seu funcionamento e atender ás consecuencias do COVID-19”. Unha desas propostas pasa por “crear un fondo de liquidez de anticipos por importe de 3 millóns de euros, cuxos destinatarios son os concellos con recadación delegada de taxas e tributos na Deputación de Ourense”. O seu fin, explican os socialistas, é “adiantar a recadación do 2019 aos consistorios que así o soliciten, xa que algunhas medidas municipais dirixidas a atenuar o impacto socioeconómico da pandemia (como adiar o pago de tributos), ou mesmo a dificultade para poder recadar en prazo, poden minguar a capacidade para prestar servizos municipais durante este ano”.
A proposta do PSdeG-PSOE suxire que o prazo de devolución sexa dun ano dende a firma, podendo prorrogarse unha anualidade máis se non é posible reintegralo na data de expiración inicial. Asemade, sublíñase que os préstamos estarán exentos de intereses, así como de calquera cláusula que supoña gastos.
Os socialistas de Ourense afirman sentirse “satisfeitos” de que o cogoberno provincial de PP e DO “leve á practica a nosa iniciativa e de que a incremente ata os 8 millóns”. Por outra banda, “pregan” ao presidente Baltar que “abandone os titulares grandilocuentes e irreais, como aconteceu ao denominar banca provincial a algo que non o é” xa que a institución non é un banco porque “non prestará cartos aos concellos e só lles anticipará o que recadará neles”. Por iso, insisten, “non pode recorrer a anticipos nos municipios onde non actúa como servizo de recadación provincial, debendo propor solucións tamén para eles”.
Os representantes do PSdeG-PSOE na deputación “animan ao presidente, así como ao resto do goberno bipartito” para que “sigan a implantar as medidas que os socialistas anticipamos fai case dúas semanas”, por exemplo, a do aparcadoiro gratuíto para o persoal sanitario do CHUO anunciada onte. Tamén instan ó executivo provincial a “manter a colaboración e lealdade institucional” para “sumar” mellores solucións.

AVANTAR ACTIVIDADES