Espazo Común: Non respectar o confinamento como fan algúns concelleiros é ilegal

UN INFORME POLICIAL CONFIRMA QUE NON RESPECTAR O CONFINAMENTO COMO FAN ALGÚNS CONCELLEIROS DO GOBERNO DO CARBALLIÑO É  ILEGAL

A semana pasada, deuse unha circunstancia pola que recibimos numerosas queixas de veciños de diferentes lugares do Carballiño. A visita a domicilio dalgúns concelleiros do goberno que semellan crer que a lei que obriga aos cidadáns a un confinamento para evitar contaxios, a eles non lles afecta, molestou a moitos veciños.

AVANTAR ACTIVIDADES

Así, soupemos que, por parte de varios membros do goberno local e pola do propio alcalde Fumega se estivo a percorrer rúas e aldeas para facerse ver e entregar mascarillas a quen a eles lles parecera convinte, sen criterio sanitario algún e obviando a moita xente de risco.

Este comportamento, xulgase só como ben sinala o propio PsdeG-PSOE provincial nun comunicado onde censuran que “alcaldes do PP estean a aproveitar a crise do coronavirus para facer publicidade electoral” e afirman que “o único que amosan con esta publicidade é a súa absoluta irresponsabilidade e indecencia política, facendo un uso partidista desta situación para obter un rédito electoral”. Non o dicimos nós, dío o PSOE.

Semella moi acaído aquel dito da palla no ollo alleo e a viga no propio.

Namentres moitos fillos e netos non poden achegarse a ver a seus pais ou avós, a reincidencia no comportamento e, polo tanto, nas protestas de moitos cidadáns que consideran que se pon en risco a saúde dos seus familiares, leváronnos a demandar un informe policial para clarexar se os concelleiros teñen algún privilexio sobre o resto da cidadanía que lles permita circular ao seu capricho.

A resposta foi clara e contundente, non existe tal excepción e deben limitarse a desprazarse das súas casas ao Concello e ás limitacións que temos calquer outro veciño.

Así, agardamos que con este informe asinado polo xefe da Policía Local do Carballiño, deixen de levarse a cabo estas perigosas visitas que ignoran o confinamento para TÓDOLOS cidadáns e se comece a predicar co exemplo por parte do grupo de goberno. A saúde debe ser o primeiro.