O Psoe de Ourense critica a “pasibilidade” do Alcalde na crise sanitaria

O PSdeG-PSOE de Ourense amosa o seu “estupor” ante a “esperpéntica” rolda de prensa ofrecida no día de onte polo alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome, quen “despois dun mes dedicado a pasear saltándose o confinamento e a refuxiarse no seu negocio, reapareceu
como suposto salvador da cidade” que loitará contra a crise, amosando unhas
contas “do gran capitán” que “nos salvarán da pandemia”.
Os socialistas aluden á “morea” de investimentos e accións, “sempre futuribles”,
que o goberno municipal de PP e DO segue a anunciar, dez meses despois de
“aterrar” na alcaldía, e ante a máis que evidente inacción e abandono da cidade
desde que o Goberno do Estado decretou o estado de alarma.
Responden deste xeito á inversión anunciada por Jácome de 50 millóns de
euros en infraestruturas, dos 100 de remanente acumulado polos seus actuais
socios de goberno do PP desde o mandato anterior — “aínda non sabemos se
en bancos de Panamá ou de onde”, parafraseando as propias palabras do
alcalde— nun plan de obras que, como tamén recoñeceu o rexedor, segue
pendente de aprobación.
O PSdeG-PSOE critica que tanto DO como o PP “non fixeron os deberes, e
agora véñennos con que compre pechar o exercicio do ano anterior, para poder
utilizar os remanentes de crédito, convocar un pleno extraordinario e aprobar,
definitivamente, os orzamentos do ano 2020”, cando sequera quixeron
convocar unha xunta de voceiros cos representantes da oposición.
Neste sentido, os socialistas recordan que presentaron, fai tres semanas, un
conxunto de iniciativas “realistas e meditadas” con medidas fiscais e de
contratación de servizos públicos por importe de máis de 3,5 millóns de euros,
así como de emerxencia social (case 8,5 millóns) e de limpeza e hixiene pública

(500.000 euros) para a cidade, e trasladaron o seu apoio e disposición para
colaborar co goberno municipal, sen que ata a data recibiran resposta pola súa
parte.
“Mais de momento, a única evidencia de investimento que temos durante os
últimos meses, son os 20 ordenadores portátiles que o alcalde di que mercou
para os funcionarios do concello”, non sabemos, engaden desde PSdeG-PSOE,
se “para conectarnos con este gran centro da intelixencia artificial que seica
agora vai a poñer en marcha para ofrecerlles aos comerciantes”. “Unha sorte de
‘Marketplace’ que, grazas aos outros 60.000 euros anuais que custará a
contratación dun ‘intelligence manager’, sacarán ao comercio da cidade da
crise”.
En definitiva, os socialistas da cidade critican “este novo ridículo e teatro
irrespectuoso coa cidadanía e a xente que está a sufrir esta crise”, co único
propósito de “encher a programación da súa televisión”, porque “xa podía ser
tan rápido nas axudas e investimentos na cidade como o foi desviando os
fondos que recibe Democracia Ourensana para manter o negocio audiovisual
dun falso autónomo” que, ademais, “vén de prometer 2.000 euros para cada un
dos miles de autónomos da cidade, arredándose o papel do Goberno do
Estado”, e “erixíndose no paladín de todos eles”, engaden os socialistas.

AVANTAR ACTIVIDADES