A Deputación de Ourense destinou dous millóns de euros ao fomento da natalidade

A Deputación de Ourense destinou dous millóns de euros ao fomento da natalidade coa tarxeta ChegOU para adquirir material para recentemente nados

En cinco anos, máis de 5.600 familias ourensás beneficiáronse desta medida, “que ten unha especial relevancia nestes momentos de crise sanitaria, no que as iniciativas da Deputación centran a súa estratexia na saúde e o benestar social e económico”, explica Manuel Baltar

AVANTAR ACTIVIDADES

A Deputación de Ourense foi o primeiro goberno provincial de Galicia en poñer en marcha esta iniciativa e aínda hoxe é o único

O presidente Baltar e o director territorial de Abanca asinaron o convenio que permite destinar axudas a familias que teñan un fillo durante este ano, para adquirir produtos en farmacias e parafarmacias

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o delegado territorial de Abanca en Ourense, Rubén Saavedra, asinaron por quinto ano consecutivo o convenio de colaboración que ambas as entidades subscriben para desenvolver o programa de fomento da natalidade da Deputación de Ourense, ” ChegOU”, vixente durante este ano 2020. Este acordo permite xestionar a axuda económica que outorga a Deputación (400.000 €), mediante unha tarxeta prepago para utilizar en farmacias e parafarmacias, coñecida como “Tarxeta ChegOU”, que fai posible destinar unha axuda a familias que teñan un fillo durante o ano 2020 ou que adopten un neno menor dun ano de idade. Os pais poderán facer uso da tarxeta durante este ano e ata marzo de 2021.

Por medio deste programa, a Deputación de Ourense destinou máis de dous millóns de euros (2.033.400 €) desde 2016 ao fomento da natalidade coa tarxeta ChegOU para a adquisición por parte das familias de material para recentemente nados. A iniciativa, posta en marcha pola Deputación de Ourense -o primeiro goberno provincial de Galicia en facelo e aínda hoxe, o único-, permite destinar axudas a familias que teñan un fillo durante este ano para a compra de produtos en farmacias e parafarmacias con esta tarxeta.

Nos cinco anos que leva desenvolvéndose este programa un total de 5.620 familias ourensás beneficiáronse desta medida, “que ten unha especial relevancia nestes momentos de crise sanitaria, no que as iniciativas da Deputación centran a súa estratexia na saúde e o benestar social e económico”, explica o presidente Baltar, e sinalando que este acordo de colaboración “supón unha mostra máis da alianza de cooperación que manteñen Deputación de Ourense e Abanca, e que neste caso ten como obxectivo o apoio ao fomento da natalidade e á familia na nosa provincia”, explica.

No marco deste acordo, Abanca asume a efectividade do pago ás familias a través da carga da tarxeta e a Deputación de Ourense enviará a Abanca un ficheiro coa relación de persoas e o importe que lle corresponde a cada unha, para a emisión e carga das tarxetas, e ademais remitirá as tarxetas ás familias e informaralles das condicións de uso.

Evolución de datos ChegOU

Máis de mil duascentas solicitudes de tarxetas “ ChegOU” tramitáronse favorablemente cada ano desde a posta en marcha deste programa por parte do goberno provincial: en 2016 aprobáronse 1.404 solicitudes, cun orzamento de 421.200 €; en 2017 concedéronse 1.519 tarxetas, para as que se destinou un orzamento de 455.700 €; en 2018, 1.274 tarxetas e 382.200 €, e en 2019, 1.237 tarxetas e 374.300 €. No que vai do ano 2020 presentáronse 262 solicitudes de tarxeta: 189 tramitadas, das cales 186 aprobadas e 3 desestimadas, e hai 73 en trámite. E tamén se rexistraron 55 solicitudes anticipadas, presentadas por unidades familiares nas que aínda non naceu o bebé (este trámite permite que, para cando teña lugar en nacemento, a maior parte da xestión administrativa estea xa realizada). O orzamento previsto para as subvencións deste ano ascende 400.000 €.

Trens turísticos

Por outra banda, a Deputación informa que a campaña de “Trens turísticos”, que a institución provincial desenvolve a través do Inorde en colaboración coa Xunta de Galicia, queda cancelada na edición programada para este ano, dadas as circunstancias derivadas da crise sanitaria do COVID-19, agradecendo aos usuarios a súa comprensión e esperando poder recuperar a normalidade canto antes para restablecer a colaboración institucional que cada ano fai posible o desenvolvemento deste exitoso programa turístico.