Podemos-Ourense denuncia a “irresponsabilidade” do Sergas

Podemos denuncia a “irresponsabilidade” do Sergas ao devolver á residencia San Carlos de Celanova a unha persoa infectada de Covid-19

As voceiras do partido acusan á Xunta de mentir ao negar o traslado e reclaman que medicalice e interveña todos os centros de maiores do país.

AVANTAR ACTIVIDADES

Os círculos de Podemos Galicia en Ourense denunciou hoxe que o Servizo Galego de Saúde procedeu a semana pasada a trasladar á residencia San Carlos de Celanova, desde o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHOU), a unha persoa infectada de Covid-19 que xa era usuaria da residencia e que foi levada ao hospital para tratarse outra doenza.

Podemos acusa á Xunta de mentir por negar que tal traslado se producira, e considera a actuación como unha inxustificada irresponsabilidade da xerencia do CHOU. Asi mesmo, reitera a súa esixencia ao Goberno galego para que interveña e medicalice todas as residencias de maiores do país, ante a gravísima situación que padecen.

O pasado 18 de marzo faleceu a primeira vítima mortal de Covid-19 na provincia de Ourense. Era unha muller de 93 anos usuaria da residencia San Carlos de Celanova. Despois de este primeiro contaxio, a situación agravouse. O día 20 de marzo practicáronse probas as residentes e as traballadoras do centro. 46 usuarias  e 18 empregadas deron positivo. O maior foco de Covid-19 en Ourense. En cuestión de días o persoal quedou ao mínimo por culpa dos contaxios, e quedou sen material. A situación en esta residencia ao día de hoxe é igual de desesperada que fai dúas semanas.

“Non entendemos os motivos polos cales a Xunta de Galicia segue sen intervir e medicalizar este centro e outros moitos nos que seguen a darse contaxios e segue a morrer xente”, aseguran as voceiras de Podemos en Ourense, que reiteraron que a semana pasada “efectuouse un traslado dende o CHOU á residencia de San Carlos de Celanova de unha persoa infectada de Covid-19 que xa era usuaria de este centro”.

“Este feito é unha total irresponsabilidade por parte da xerencia do CHOU, do Sergas e da dirección da propia residencia”, subliñaron as ditas voceiras, que engadiron que. “lonxe de aclarar esta situación, o Sergas mentiu o pasado sábado ao negar que se fixese dito traslado”. Podemos Galicia exixe ao Sergas que esclarezan a situación e depuren responsabilidades, e que corrixan a situación que provocou na residencia de San Carlos.

As voceiras de Podemos Galicia tamén esixiron á Xunta que informe do estado das usuarias do centro que foron trasladadas ao centro integrado que o Goberno galego habilitou en Baños de Molgas e que aínda non foron derivadas de volta, e de cuxa situación as familias non teñen coñecemento a día de hoxe. “O Goberno galego ten que actuar en este e en outros centros intervindo os mesmos para evitar que os contaxios vaian en aumento, dadas as limitacións de persoal e as condicións de precariedade na que está o mesmo desenvolvendo o seu traballo”, concluíron os responsables de Podemos Ourense.