Nota Informativa do Psdeg-Psoe

O PSDEG-PSOE RECLAMA A BALTAR QUE APLIQUE Á DEPUTACIÓN A RECEITA DE “MÁIS AXUDA E MENOS PROPAGANDA” TRAS GASTAR MÁIS CARTOS EN PUBLICIDADE QUE EN MATERIAL SANITARIO

Os socialistas denuncian a desaparición de 35.000 máscaras, 3.000 pares de luvas e 50 litros de xel anunciados pola Deputación, polo que reclamaron copia íntegra de todas as facturas e xustificantes
Villarino: “Esiximos a Baltar que paralice este carrusel de propaganda absolutista e adique os millóns que ten en caixa á loita efectiva e á axuda urxente ós concellos e ás entidades sociais”

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE reclama a Manuel Baltar que aplique á Deputación de Ourense a receita de “máis axuda e menos propaganda” que esixe a outras administracións, tras gastar moitos máis cartos en publicidade e propaganda que en material sanitario para as entidades locais e sociais da provincia. Os socialistas consideran intolerable o “carrusel de autopropaganda” e a “ausencia de medidas efectivas para os concellos” por parte do goberno provincial de PP e DO, xa que durante o estado de alarma só investiron 9.200 euros en material de protección que foi entregado á Xunta e non ás entidades que, por lei, debe auxiliar a institución provincial.
O PSdeG-PSOE denuncia que a propaganda de PP e DO é de tal calibre que “nin lles cadran” as cifras coas que venden os seus presuntos logros. “Detectamos un misterioso caso de compras minguantes de produtos para protección da saúde, xa que o 25 de marzo anunciaron a adquisición de 36.000 máscaras, 43.000 pares de luvas e 500 litros de xel que, unha semana despois, quedaron reducidos a 1.000 máscaras, 40.000 pares de luvas e 450 litros de xel”, asegura o portavoz, Rafa Villarino. Antes estes feitos, o grupo socialista vén de reclamar copia íntegra de todas as facturas e xustificantes xa que “cos datos aportados pola Deputación ou perderon 35.000 máscaras, 3.000 pares de luvas e 50 litros de xel ou alguén quedou con eles e ambos sucesos son moi graves”.

Ao mesmo tempo que isto acontece, a Deputación ourensá está a pagar decenas de miles de euros en publicidade e propaganda, contratando diariamente espazos nos que promociona “medidas impulsadas pola oposición que vende como propias, telechats dos membros do goberno provincial e outras decisións pantasma que non teñen ningún efecto real entre os concellos e a veciñanza”, denuncia Villarino. “Esiximos a Baltar que paralice a seu carrusel de propaganda absolutista e adique os millóns que ten a deputación en caixa á loita efectiva e á axuda urxente ós concellos e ás entidades sociais que están a traballar directamente cos afectados e afectadas”, insiste.
“Se todos os fondos públicos que gastou en autopropaganda para lucir palmito rodeado de moreas de caixas, estiveran investidos nos municipios do rural, moitos dos alcaldes e alcaldesas poderían ter ofrecido á súa veciñanza mellores solucións para facer fronte a están emerxencia sanitaria”, asevera o portavoz antes de recordar que “o presidente da Deputación goberna para as e os ourensáns e non para seguir sumando patéticos autoretratos publicitarios no seu álbum persoal”.