Espazo Común demanda transparencia e diálogo ao alcalde Fumega

ESPAZO COMÚN DEMANDA TRANSPARENCIA E DIÁLOGO AO ALCALDE FUMEGA NAS MEDIDAS QUE SE TOMEN PARA PALIAR A CRISE DO COVID-19

A soberbia que o levou a ignorar calquer tipo de conversa cunha boa parte da oposición acarrexa unhas propostas que se quedan, a todas luces, escasas e son pouco claras. 

AVANTAR ACTIVIDADES

O noso grupo seguirá a defender as iniciativas incluídas no PLAN O CARBALLIÑO CON-VIDA 20 que xa foi rexistrado no Concello o pasado día 14 de abril.                                                                                        

Un mes e medio tardou o alcalde do Carballiño en falar sobre posibles axudas para familias e pequenos empresarios afectados pola crise que estamos a padecer.

Na comparecencia levada a termo no día de onte, puidemos comprobar con tristeza que se continua na tónica da falla de ideas propias e dun proxecto de futuro para o pobo que se fai agora máis necesario ca nunca.

O único que se fixo foi coller algunhas das propostas realizadas polos diferentes grupos da oposición, entre elas algunhas do noso PLAN O CARBALLIÑO CON-VIDA 20,  e tentar unha nova fuxida cara adiante, tal cal un polo sen cabeza.

O talante anti-democrático amosado por Fumega que en todo este tempo non se puxo en contacto unha soa vez con Espazo Común a pesar de que estivemos traballando e anunciando iniciativas case dende a primeira semana, deixa ben claro o seu absurdo e sectario comportamento xusto cando a sociedade demanda e precisa máis acordos, máis diálogo e máis unión.

O feito de que no noso grupo haxa un médico epidemiólogo, unha enfermeira do Centro de Saúde do Carballiño e un autónomo que foi un dos fundadores e primeiro presidente do Centro Comercial Aberto, debería ter axudado ao goberno local a elaborar unhas medidas económicas e sanitarias máis adaptadas á realidade social do pobo pero a soberbia e os personalismo semellan pesar máis.

Nunha primeira análise das medidas tomadas, subxace que anunciar a bombo e platillo 1.000.00 € para dinamizar a economía local cando 470.000 xa se van directos para o Servizo de Axuda no Fogar e que serán aportados en gran medida pola Xunta de Galicia, dá conta do pouco ambicioso e nada axustado ás necesidades do prantexamento realizado.

Se a iso lle engadimos que se pode contar case con 400.000 € que quedan dispoñibles de postos non ocupados do capítulo de persoal, a pregunta é se non se pensan empregar os 4.000.000 € anunciados polo alcalde como Remanente de Tesourería.

Para calibrar o anunciado baste coa cifra dada para axudas a autónomos : 250.000 €, contía que tendo en conta que no Carballiño había 1.282 autónomos no mes de marzo, e que a meirande parte deles van precisar deste apoio municipal para poder seguir adiante coa súa actividade, arroxa un saldo moi pobre para esta necesidade.