O xornalista Pablo Varela gaña o XXX Premio “Carracedo” de periodismo polo seus traballos sobre o rural galego

O xornalista da delegación de La Voz de Galicia en Ourense Pablo Varela é o gañador do XXX Premio de Periodismo “Xosé Aurelio Carracedo”, un certame que convoca anualmente a Deputación de Ourense. O xurado, reunido hoxe por vía telemática, ditaminou outorgar o galardón á serie de reportaxes asinadas polo autor nas que salienta “a perspectiva positiva e sensible que o xornalista ofrece do rural, promovendo as oportunidades que ofrece e facendo protagonistas do seu relato ás xentes anónimas que viven no medio rural”, recolle o xurado na acta.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen comunicou ao galardoado a concesión do premio, felicitouno polo seu traballo a prol dun xornalismo de calidade que, neste caso, pon en valor o noso medio rural. O premio, dotado con 3.000 euros e diploma, non se entregará -por mor da crise do COVID-19- como vén sendo habitual o vindeiro 3 de maio, Día Internacional da Liberdade de Prensa, senón que o acto trasládase ao mes de outubro e integrarase nas actividades programadas na Ourense ICC Week, a Semana das Industrias Culturais e Creativas de Ourense. O certame, que nesta edición chega á súa 30ª convocatoria, foi instaurado para honrar a memoria do xornalista ourensán que lle da nome ao premio, Xosé Aurelio Carracedo, falecido en 1988.

AVANTAR ACTIVIDADES

O xurado destaca o alto nivel dos traballos presentados ao certame e valora da obra de Pablo Varela o feito de pertencer “a un xénero complexo do xornalismo como é a da reportaxe, dándolle vida ao rural galego, moi esquecido habitualmente polos medios de comunicación tradicionais”.

Tamén salienta o xurado a capacidade do autor “de unir fondo e forma para narrar con gran beleza as historias que acontecen no rural nesta serie de reportaxes, historias que teñen como fío condutor poñer en valor á volta á aldea”, e remarca que estes traballos de Pablo Varela “poñen o acento no que significa crear boas historias desde as delegación dos medios informativos, exercendo o xornalismo de a pé, moi achegado á xente a aos lectores, e centrado na súa análise en temas non urbanos, poñendo o foco no rural e chamando a atención sobre estes territorios, nun momento como o que estamos a vivir pola crise do COVID-19, onde a sensibilidade  polo rural está no seu máximo”.

O xurado, presidido pola deputada provincial de Cultura, Patricia Torres, estivo integrado por Xosé Ramón Pousa Estévez, decano da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela; Xosé Manuel Baamonde Silva, decano da Facultade de Ciencias Sociais e Comunicación de Pontevedra; Luis Menéndez Villalba, en representación da Federación de Asociacións de Periodistas de España (FAPE), e Javier Fraiz, xornalista, en representación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, actuando como secretario o asesor de Comunicación da Deputación de Ourense, Fernando R. Méndez.

Pablo Varela é redactor de La Voz de Galicia en Ourense, onde desenvolve a súa actividade profesional nos ámbitos de Sociedade e Sanidade. Tamén traballou como redactor na delegación de La Voz de Galicia na Coruña, en radio e en medios dixitais e foi integrante do proxecto #FocusGalicia.