O grupo provincial do PP non entende que o Psoe non apoie o loito oficial

O grupo provincial do PP considera insultante para as vítimas da pandemia que o PSOE aluda a cuestións de protocolo para non apoiar o loito oficial

O portavoz popular e vicepresidente terceiro da Deputación de Ourense, Plácido Álvarez, expresou hoxe o seu estupor pola falta de apoio do grupo socialista á declaración de loito oficial na provincia de Ourense polos 24.275 falecidos como consecuencia da pandemia provocada polo Covid-19, e nomeadamente polas 112 vítimas rexistradas na provincia. Unha proposta aprobada no pleno extraordinario celebrado hoxe, co voto favorable do resto dos grupos políticos representados na corporación.

AVANTAR ACTIVIDADES

O grupo provincial do Partido Popular, a través do seu portavoz e vicepresidente terceiro da Deputación de Ourense, Plácido Álvarez, expresou hoxe o seu estupor pola falta de apoio do grupo socialista á declaración de loito oficial na provincia de Ourense polos 24.275 falecidos como consecuencia da pandemia provocada polo Covid-19, e nomeadamente polas 112 vítimas rexistradas na provincia. Unha proposta aprobada no pleno extraordinario celebrado hoxe, co voto favorable do resto dos grupos políticos representados na corporación.

Para Plácido Álvarez, “negarse a apoiar un xesto de empatía e recoñecemento aos que deixaron a súa vida nesta terrible situación, só pode ser cualificado como un insulto ás súas familias, que non puideron despedir como sería desexable aos seus familiares e seres queridos pola situación de alarma”.

Aínda máis grave se cabe, dixo o portavoz popular, “é aludir a cuestións de protocolo para buscar unha desculpa insostible e carente da máis digna sensibilidade, ademais que demostrar que non leu a declaración, na que se di textualmente que terá efecto desde o día da data, e dicir hoxe, ata o día do cese da pandemia na provincia”.

“Non sei como van mirar á cara aos ourensáns a partir de hoxe”, advertiu Álvarez, que acusou ao PSOE e ao seu portavoz, Rodríguez Villarino, de ser “un mero seguidista do señor Sánchez e o seu goberno, que se nega a declarar loito oficial en España pese á petición reiterada do resto de partidos políticos e do clamor da sociedade”.

O sufrimento da sociedade ourensá, galega e española, subliñou, “non entende de idioloxías e este goberno provincial ten a obriga de demostrar o seu respecto polos falecidos e que está ao carón das persoas que sufren a dor pola morte dos seus seres queridos, e non situar á Deputación de Ourense á marxe desta traxedia”.

A declaración de loito oficial é un primeiro xesto de solidariedade, anunciou o portavoz do grupo popular, “e que ninguén dubide que unha vez superada esta crise sanitaria virán homenaxes, non só aos falecidos, senón a todos os profesionais sanitarios, dos corpos de seguridade, de servizos esenciais, voluntarios e mesmo á propia cidadanía, que coa súa responsabilidade quedando na casa contribuíron a vencer esta pandemia”.