O PP alerta do impacto da crise do coronavirus no sector vitivinícola

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Diminución do consumo, redución do volume de negocio, miles de agricultores que poden verse obrigados a deixar abandonadas as súas colleitas e outros miles de adegas en perigo de peche. Este é o impacto que os expertos calculan que pode ter a crise do coronavirus no sector vitivinícola, polo que urxe elaborar un plan con medidas extraordinarias que axude á recuperación dunha actividade que converte a España no primeiro país do mundo en superficie de viñedo, con case un millón de hectáreas, e un dos principais produtores de viño, con 44,4 millóns de  hectolitros. Unha situación á que non é allea a provincia de Ourense, na que, con catro denominacións de orixe das cinco existentes en Galicia, este sector  cohesiona o rural ourensán e dinamiza a provincia cunha importante repercusión socio económica.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O grupo parlamentario do Partido Popular no Senado, á vista desta situación, tomou a iniciativa e a través dunha moción asinada polos senadores ourensáns -Miguel Ángel Viso, Carmen  Leyte, Francisco José Fernández e Jesús Vázquez- solicitan ao Goberno un plan nacional para paliar as consecuencias desta crise, fixar unha liña de axudas para o almacenamento privado temporal e non  sobrecargar os mercados, un plan de apoio ás exportacións e accións dirixidas a potenciar o consumo interno.

A moción, que se debaterá na Comisión de Agricultura, Pesca e Alimentación do Senado, destaca os resultados dun estudo realizado pola Federación Española do Viño, segundo o cal o 96 % das adegas españolas anticipan graves danos aos seus negocios pola continua caída do consumo interno, esperando un descenso do 35 % en volume de viño comercializado e unha perda de máis do 50 % do valor de vendas. E todo iso pese ao repunte de vendas nos supermercados e vía  online, que non compensará a forte caída en restauración e hostalería debido ao peche destes negocios, así como a ausencia de promoción pola suspensión de salóns, feiras e mesmo festas tradicionais.

A iniciativa dos senadores populares ten unha mención específica para a provincia de Ourense, destacando que é un dos escasos lugares de Europa onde conviven tantas denominacións de orixe –catro- nun mesmo territorio. Un sector que se no ámbito económico ten un destacado peso -en 2018 comercializou máis de 20 millóns de litros e facturou 96,4 millóns de euros- no capítulo social actúa como un factor de cohesión do rural.

A esta complexa situación hai que engadir un factor máis. Dentro de catro meses iniciarase a vendima e chegará unha nova colleita, á que os adegueiros haberán de sumar a produción que non se comercializou, polo que se corre o grave risco de que os viticultores se vexan obrigados a abandonar as súas colleitas e as adegas para botar o peche.

Xunto á importancia económica, a xeración de emprego nas zonas produtoras e a súa contribución á cohesión do rural, conclúen os senadores, hai que sumar o indubidable valor ambiental deste sector polas súas achegas ao mantemento da diversidade, da paisaxe e a redución de  C02.