O Psdeg-Psoe de Ourense acusa a D.O. de aproveitar a crise para matar a cultura na cidade

PSDEG-PSOE DE OURENSE REXEITA AS CRÍTICAS DE JÁCOME AO SECTOR CULTURAL E ACUSA A D.O. DE APROVEITAR A CRISE DE COVID-19 PARA MATAR A CULTURA NA CIDADE

Os socialistas acusan de inacción cultural ao bipartito PP/DO durante o estado de alarma, así como de atacar ao sector cultural como cortina de fume coa que ocultar a súa ausencia de iniciativas

AVANTAR ACTIVIDADES

Os socialistas da cidade de Ourense amosan a súa sorpresa polo feito de que o Goberno municipal “se dedique a criticar, publicamente, ao sector da cultura, no canto de ofrecer alternativas creativas e innovadoras para promover un eixo produtivo que pode ser clave na promoción e o desenvolvemento da cidade despois da pandemia”. “A falla de competencia e liderado do concelleiro Mario González son patentes, tanto na xestión dos recursos municipais, como na necesaria apertura ao mundo da cultura extra-muros da casa consistorial”, sublíñase dende a formación socialista.

O PSdeG-PSOE afirma que “Jácome e o seus atoparon na crise do coronavirus a escusa perfecta para prolongar a lenta agonía da cultura na cidade, deixándoa morrer por inanición”, e utilizan “ataques constantes a un sector que precisa de apoio municipal nestes momentos de crise”.

Tal xeito de actuar evidencia, unha vez máis, o desprezo do co-goberno actual pola cultura coma un dos elementos que pode ser clave para o rexurdir de capital provincial. Unha miopía política particularmente grave no centenario da publicación do primeiro número da revista Nós, iniciativa solicitada polos grupos da oposición e esquecida polo goberno municipal.  

Os socialistas responden así aos ataques xurdidos, especialmente nas últimas semanas, por parte do alcalde e do concelleiro de Cultura, Mario González, aos colectivos culturais da cidade, quen tiveron que saír de novo ao paso para re-inventar as “Festas dos Maios”, de gran arraigo, e ante a falta de alternativas por parte da concellería de Cultura para a súa celebración.

Unha circunstancia que –recorda o PSdeG-PSOE- produciuse despois dunha nova cadea de contradicións de Jácome, quen anunciou a presencia de Jennifer López, para logo anular as festas de Ourense, publicitar despois “os maiores fastos” da historia na Ponte e, finalmente, adiar a axenda municipal de todos os actos deportivos e culturais ata novembro, mes para o que xa avanzou a súa seguinte promesa de celebración nunca vista. Trátase, unha vez máis, de enganar á cidadanía “con futuribles actos megalomaníacos que só cren os incondicionais do alcalde”, engaden os socialistas.

Ante a carencia de política cultural municipal, o PSdeG-PSOE de Ourense tende a súa man ao bipartido PP/DO co gaio de contribuír a superar o drama cultural da nosa cidade. Neste sentido, tamén avogan por incorporar a unha mesa de traballo aos xestores culturais experimentados que foron obrigados polo alcalde e o concelleiro de cultura a un éxodo cultural, e que logo triunfaron e están a levar, con grande éxito, o nome de Ourense a outros lugares de España e Portugal.

O concello de Ourense non pode ser alleo á participación política nin á experiencia destes colectivos expertos, e debe engadirse tamén ás administracións públicas -entre as que figuran numerosos concellos,  deputacións e medios de comunicación- que están a promocionar iniciativas online, non só para animar á cidadanía, se non tamén para descubrir e promocionar novos talentos locais.

“O confinamento pode ser unha oportunidade para re-deseñar a política cultural na era post-coronavirus, e non un novo argumento para criticar a un sector incomprensiblemente deostado na cidade foi a Atenas de Galicia”, conclúese dende o PSdeG-PSOE de Ourense.