Parte de guerra

Avelino Muleiro García :

-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.

AVANTAR ACTIVIDADES

Artigo : ” Parte de guerra ”

“Cando estala unha guerra, as xentes din: “Isto non pode durar, é demasiado estúpido.” E sen dúbida, unha guerra é evidentemente demasiado estúpida, pero iso non impide que dure. A estupidez insiste sempre… A praga non está feita á medida do home, polo tanto o home dise a si mesmo que a praga é irreal, é un mal soño que ten que pasar. Pero non sempre pasa; e de mal soño en mal soño, son os homes os que pasan…” (Albert Camus: A peste).

            A situación pandémica na que levamos instalados desde hai meses, é un déjà vu da Peste de Camus. Coma daquela, ano 1947, esta pandemia non se pode equiparar a unha guerra. Non estamos, pois, en estado de guerra. Non. Guerra é a metáfora. O embolado está en que se adoita apelar a un léxico bélico para explicar un problema sanitario. Sabemos que ese léxico deforma a realidade, polo que non convén quedarse na metáfora sen dar o salto á crúa realidade. A metáfora é unha figura retórica por medio da que podemos expresar unha realidade ou un concepto doutra realidade diferente, pois o representado garda certa relación de semellanza co metafórico. Mais nunca se poden trasvasar as propiedades da semántica metafórica á semántica do representado. Se establecemos a semellanza entre os ollos dunha persoa (representado) e un luceiro (metáfora) -por exemplo: o teu sorriso emana deses dous luceiros resplandecentes que engalanan a túa cara-, non podemos logo describir esa persoa desde a astronomía, que estuda os astros celestes, senón desde a estética, desde anatomía ou mesmo desde a psicoloxía do amor.  

Pero resulta que actualmente os medios de comunicación, de maneira especial a radio e a televisión, dan partes sobre esta “guerra contra o coronavirus” seguendo a terminoloxía oficial. Non dan noticias, dan partes con certo ton de epopea. E non se trata agora dunha cuestión de vocabulario para interpretar a situación, senón dunha cuestión de tempo para erradicar o problema. Os partes son documentos ou comunicados oficiais, algúns deles disciplinarios ou sancionadores, emitidos por unha autoridade responsable no ámbito de que se trate: xudicial, médico, militar, gobernamental… Os partes militares son frecuentes nos casos de guerra, porque a súa información esencial redúcese ás baixas de soldados -propios e inimigos-, aos avances do exército propio en territorio adversario, ás derribas e destrucións de armamento (avións, canóns, mísiles…), sempre coa estratexia de ocultar os fracasos do exército propio para non desmoralizar ás tropas e á sociedade civil. Durante a Guerra Civil Española, os partes militares eran diarios, moitos deles históricos, como o último parte anunciando o final da Guerra, o día 1 de abril de 1939, firmado por Franco. A partir daquela data, España quedou baixo o goberno franquista, e toda a información que chegaba á sociedade pasaba polo filtro gobernamental. Como na década dos corenta aínda non había televisión en España, todas as informacións emitíanse pola radio oficial, Radio Nacional de España. Ademais, as emisoras privadas de radio estaban obrigadas a conectar con Radio Nacional ás horas dos informativos, xa que elas non podían emitir noticias pola súa conta. Por iso, os informativos coñecíanse como “partes”, pois eran unha maneira de informar á sociedade das noticias como se fixera en tempos de guerra. Esa nomenclatura perdurou moito tempo, mesmo xa na democracia, e aínda hai xente agora que, nese inconsciente colectivo, cualifica como parte os noticiarios da televisión.

Nas últimas semanas, as canles de televisión e as emisoras de radio vólvennos aos partes do pasado. E cínguense aos mesmos códigos bélicos: decesos, avances, baixas, recuperados, contaminados… material bélico (respiradores, máscaras, batas, lentes…), confinamento… A terminoloxía bélica pode usarse como persuasión ou como manipulación. No primeiro caso, créase un relato que se constrúe metaforicamente para que resulte máis provocativo e, sobre todo, máis eficaz. No segundo, pretende causar pánico e terror. ¿En que sentido podemos interpretar tal terminoloxía actualmente?

O famoso militar prusiano Carl von Clausewitz, un dos máis grandes historiadores e teóricos da ciencia militar, dicía: “a guerra é a política por outros medios”. Deberiamos, xa que logo, fuxir das guerras e centrarnos na realidade que nos acolle e que, como agora, nos esixe sacudirnos das agresións letais que nos acosan. O recén falecido Mario Bunge opinaba que a guerra é a máis irracional e inmoral de todas as actividades sociais, por tal razón a guerra é evitable, porque son persoas quen a fan por vontade propia. E advertíanos como “os historiadores militares nos ensinan que a maioría dos que inician as guerras contemporáneas acaban derrotados”. Deixemos, pois, de falar de guerra. De falar e de que nos falen dela. Queremos información e non partes. Trátase de saúde, non de armas, e o enfoque ten que se centrar nos sanitarios e nos coidados aos pacientes, non a exércitos e estratexias. Neste contexto, a saúde non é unha mercadoría calquera, senón un ben privado non negociable e de interese público. Polo tanto, o seu coidado non se debería supeditar ao lucro, como parece importar a certas persoas -poucas afortunadamente- expendedoras de material sanitario, escaso nestes momentos da pandemia, escondéndoo para poderse lucrar despois vendéndoo máis caro.  

Porén, quero pensar que a actitude solidaria se impón con claridade no conxunto da sociedade, despois de observar nas persoas máis cousas dignas de admiración que de desprezo. O ranking de exemplaridade e de excelencia encabézano os sanitarios, os militares, a policía, as empresas, os distribuidores de produtos esenciais, os voluntarios… persoas de toda índole e condición. Neste proxecto debémonos unir todos, sendo solidarios, empatizando cos afectados polo virus e com-padecéndonos coas familias dos falecidos… Non hai dúbida de que a cooperación non é menos importante que o conflito, como dixera o anarcocomunista ruso Kropotkin, o que certifica que a cooperación está por riba das ideoloxías. En situacións como a actual, o fanatismo ideolóxico só estorba.

Nas guerras dilucídanse intereses de Estado, non lucros particulares; con todo, nos enfrontamentos bélicos son os soldados quen arriscan e xogan a súa vida, ignorantes xeralmente das razóns que os levan aos campos de batalla. Pero aquí, neste loita sanitaria (¡non bélica!), son os mesmos cidadáns os que se enfrontan ao virus, os que se xogan a súa propia vida para defenderse, non como soldados, senón como persoas. Polo tanto, debe ser o Estado quen poña todos os seus medios para salvar aos seus propios cidadáns. O sentido destes dous tipos de loita son opostos. No primeiro, os cidadáns convértense en soldados para salvar o Estado; no segundo, o Estado é quen ten o deber de salvar os seus cidadáns. E xa que non estamos nunha guerra, non falemos de soldados nin da heroicidade dos sanitarios, senón da súa honestidade. “Que é a honestidade? -preguntaba o periodista Rambert ao doutor Rieux na Peste de Camus-. No meu caso -responde Rieux- non é máis que facer o meu oficio”. Os heroes aparecen nas guerras entre o asubío das balas; as persoas honestas emerxen nas situacións de responsabilidade entre o bordoneo das sirenas e dos respiradores, como son os sanitarios, as forzas de seguridade e todas as persoas que abastecen os recursos necesarios para a sociedade nesta situación.

            O Goberno do Estado pediunos confinarnos para impedir que o virus non aniñe dentro de nós. Xuntos, e responsables, temos que seguir adiante coa expulsión do coronavirus desde o noso propio confinamento. Axudemos, xa que logo, aos científicos, investigadores, médicos e persoal sanitario a cortar o nó gordiano no que se esconde o Covid-19 para poder vencelo definitivamente. Pero a cambio do noso sacrificio, esixamos ás autoridades gobernamentais que nos informen concisa e verazmente dos avances que se van logrando, co propósito de disipar os nosos receos, e abastezan aos sanitarios dos medios necesarios para protexerse e poidan utilizalos cos pacientes. Pidamos a todos os políticos que aporten ideas á solución do problema e se poñan a disposición do Goberno para implementar as medidas decretadas cara ao éxito final. E se de algo nos podemos servir da metáfora da guerra que sexa dos principios básicos que esta utiliza: estratexia, táctica e loxística (Bulow). A estratexia e a táctica, que sexan deseñadas con eficacia e transparencia polo goberno; e a loxística, aplicada escrupulosamente polas autoridades sanitarias con mando único. Todos os sacrificios dos cidadáns teñen como finalidade impedir que o maior número posible de persoas morran e coñezan a separación definitiva da súa familia. Para isto non hai máis que un só medio: combater a pandemia. Esta meta non é admirable: é só consecuente.

—————————————————————————————————-

Outros artigos de Avelino Muleiro

Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño

—————————————————————————————————–

Curriculum de Avelino Muleiro García

-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.

Obras

Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabraEncontros coa tradición. Conversas no RibeiroTres CampusVerbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.