A pandemia dos estorniños berrecallos [relato]

Antón Jardón

Artigo : “A pandemia dos estorniños berrecallos [relato]”

 «Soy un alcalde, no un ciudadano normal, sigo inspeccionando la ciudad y vengo aquí todos los días. Cree que soy un mindundi que solo puede salir al súper,…». (Máximas dun heroe que lle borboriña no papo aos estorniños).

AVANTAR ACTIVIDADES

Evaristo Lameiro Lamela é un tipo entrado en anos que vive nun segundo piso, a dous pasos do centro da cidade. É un veciño discreto e sensíbel, gustoso de observar o que acontece na súa contorna. Amigo da conversa amena, sempre leriabamos algo ao atopármonos no bar do Lalo ou na porta do supermercado, cando o mundo aínda era mundo. Agora, asómase cada cando ao balcón, ora para verlle a pinta ao día, ora para observar a xente que deambula polas beirarrúas ou os coches que pasan e fumegan, adoecidos por unha présa estúpida e teimuda que, malia todo, non deixa de rillarnos aquelas ansias de sosego que aínda bulen e rebolen na nosa fráxil memoria. Mais, como antonte, o que realmente o apaixona é zugar doses e doses de nicotina, mentres observa a parsimonia dunha parella de gaivotas no tellado de en fronte, a ousadía das pombas aterrando na rúa en busca dun migallo de calquera cousa, as mandas de estorniños bramando contra o firmamento, obsesionados en eclipsar o canto melodioso da laverca distraída que non para de voar a rentes do chan.

Como levamos tanto tempo sen vernos e sen falar enviume un WhatsApp para compartir comigo un pensamento, un soño ou a crúa realidade dunha tarde desas que, cada día, vai azacotando, talmente desbocada, o perpetuo arresto domiciliario que decidiron chamarlle confinamento. Na súa misiva, o Evaristo, cóntame que aí contra as oito, malia non ter moita ansia, sae tódalas tardes ao balcón a aplaudir un minuto, sen saber moi ben porque o fai. Talvez para non dar que falar, ou por medo a atoparse co severo recado da veciña do terceiro, pouco amiga das discrepancias e dos pareceres dos outros.

Evaristo relátame que hai cousa dunha semana, mentres fumaba o pito da tardiña, agardando para participar na sesión do aplauso, presenciou unha arrepiante estampa. Ao avistar un fulano, acompañado do seu can, pendente de que o semáforo lle permitise seguir o camiño, varios veciños puxéronse a berrar, lanzándolle improperios por non estar na casa, para cumprir co cívico ritual do aplauso vespertino. Esa actitude unísona e escabrosa a escape mudou de destinatario, mercé á entrada en escena daquela muller, turrando dun carriño da compra, que non dubidou atravesar unha rúa –desértica, sen tránsito– despreocupada da cor do moneco do semáforo. E foi entón cando, ao caer coma un sapo, por mor do estrondo da intensa freada do coche que circulaba a toda mecha, os autounxidos soldados da garda pretoriana, escudándose nas varandas dos balcóns, sen previo debate e por unanimidade, decidiron declarar culpábel á señora e inocente ao aloucado condutor que se marchaba impune, coa complicidade dos dous uniformados que acababan de chegar, mentres o cadelo lambía as xemas de ovos, adobadas cun prebe descoñecido, que coloreaban o asfalto ao sairen discretamente do fol do carro. Cando todo concluíu, os fervorosos aplaudidores, despois de espetarlle nos ollos ao Evaristo a súa mirada matona e despectiva por non imitar as súas sécolas, abandonaron os balcóns con cara de doídos por pasaren un día sen poder cumprir o sacro ritual do aplauso cotián que tanto lles purifica as conciencias.

[O meu tío Lisardo pensa que estamos asistindo ao ensaio xeral dun amansamento absoluto, que pronto nos converterá nun rabaño de ovellas submisas, dispostas a todo, agás a exercer o dereito máis prezado: o de pensar o que nos pete]

———————————————————————————————————-

Curriculum Antón Jardón

———————————————————————————————————-

Outros Artigos de Antón Jardón :

” Unha muller confinada no supermercado “

“O cadeliño zuro e o visitante impertinente”

“Mentres tanto”

” 5 de abril, Domingo de Ramos “

” Galicia, esa esquina do mapa “

” Un País que se disipa sen remedio “